
O IESCHA reivindica a figura de Agustín Fernández Paz e impulsa a súa candidatura ás Letras Galegas de 2028
Coa colocación da placa co nome de Agustín Fernández Paz na Biblioteca Municipal de Vilalba comezou unha xornada especialmente emotiva para o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), que deu así un novo paso no recoñecemento da figura e do legado do escritor vilalbés. O acto, enmarcado no programa “Miradas sobre Agustín”, serviu tamén para presentar unha ampla programación cultural destinada a poñer en valor a súa traxectoria humana, literaria e pedagóxica, e a impulsar a súa candidatura ao Día das Letras Galegas de 2028.
No exterior da biblioteca, a presidenta do IESCHA, Marisa Barreiro, agradeceu a presenza e a colaboración da familia, das amizades, do Concello de Vilalba, doutras entidades e de todas as persoas que fixeron posible esta homenaxe. Destacou que a colocación da placa constitúe unha conquista para o Iescha e expresou o agradecemento ao Pleno do Concello de Vilalba polo acordo unánime que permitiu vincular o nome de Agustín á biblioteca municipal. Tamén salientou a identificación do IESCHA cos valores que representa o escritor e a importancia do espazo que se lle dedica no interior da biblioteca para manter viva a súa memoria.
Pola súa banda, a alcaldesa, Marta Rouco, manifestou a súa satisfacción por unha iniciativa que apoiou desde o primeiro momento e destacou o orgullo que supón para Vilalba que a súa biblioteca leve o nome do escritor.
Tomou a palabra, a continuación, Mariña Fernández, filla de Agustín, quen expresou o seu agradecemento a todas as persoas e entidades implicadas na organización do acto. A súa participación aportou unha dimensión especialmente afectiva a unha xornada na que a lembranza do escritor estivo moi presente.
Xa no Espazo Agustín Fernández Paz, no interior da biblioteca, Marisa Barreiro presentou a programación “Miradas sobre Agustín” e explicou que nace coa vontade de contribuír ao recoñecemento que merece o escritor e de impulsar a súa candidatura ao Día das Letras Galegas de 2028.
A presidenta destacou o cariño que Agustín esperta na sociedade e o amplo respaldo recibido por parte do Concello de Vilalba, da súa Concellalía de Cultura, de ProLingua, da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), dos poetas de Vilalba e doutras moitas entidades e persoas, así como o apoio fundamental da familia e amizades máis próximas.
Explicou que a programación desenvolverase desde outubro de 2026 ata maio de 2027, cunha actividade mensual dedicada a diferentes aspectos da vida, da obra e do compromiso cultural, educativo e lingüístico do escritor. De xeito resumido, será a seguinte:
– Este sábado 24 de outubro: Gala de Entrega do IX Premio Agustín Fernández Paz a Fran Fernández Davila por “Quero ser coma Vero Boquete”, ás 20.00 h no Auditorio.
– 7 de novembro: Ruta Vilalba-Lanzós-San Simón-Vilalba, itinerario basado no libro “Aire negro” e guiado por Sabela Filgueira.
– 19 de decembro: Contos de Nadal con Ánxeles Goás. – 16 de xaneiro: Coloquio sobre cinema e cómic con Marilar Aleixandre, Miguelanxo Prado e Xulio Villarino.
– 30 de xaneiro: Relatorio de Martin Pawley sobre a relación de Agustín co cinema.
– 13 de febreiro: Encontro sobre a Xeración Lamote con Fina Casalderrey, Chus Fernández, Paco Martín e Xavier Senín.
– 13 de marzo: Coloquio sobre Agustín como referente das novas xeracións, con destacados escritores galegos.
– 10 de abril: Encontro sobre lingua e renovación pedagóxica.
– 8 de maio: Coloquio sobre Agustín como escritor.
– 29 de maio: Festa da amizade no Muíño do Rañego, con mesa redonda, visita á escultura, actuación musical, xantar e función teatral especial.
Continuou o acto cun dos momentos centrais da tarde: a lectura do manifesto elaborado por Xavier Senín e Paco Martín, dous amigos e profundos coñecedores de Agustín. Senín, encargado de lelo e que escusou a ausencia de Martín, expresou a esperanza de que o texto contribúa a conseguir que o autor sexa homenaxeado nas Letras Galegas de 2028, unha aspiración que conta co afecto e coa admiración que a súa figura esperta.
A continuación, Isabel Soto, recoñecida coñecedora do legado do escritor, ofreceu unha conferencia na que percorreu as principais etapas da súa vida, apoiándose en material videográfico e nas propias palabras de Agustín.
Desde a infancia en Vilalba, marcada pola familia, as primeiras lecturas, a banda deseñada, o cine e a música, ata a súa formación como mestre, a conferenciante foi debullando as experiencias que contribuíron a formar a súa personalidade e o seu universo creativo.
Isabel Soto detívose especialmente na súa actividade docente, no compromiso coa renovación pedagóxica e no interese pola literatura infantil e xuvenil, así como na influencia de Gianni Rodari e na súa participación en iniciativas culturais e educativas, entre elas o colectivo Avantar. O seu paso por distintos lugares de Galicia e do Estado foi configurando unha traxectoria na que a educación, a lectura e a creación literaria camiñaron sempre da man.
A conferenciante salientou tamén a consolidación da súa obra literaria, a súa relación permanente con Vilalba e a súa defensa da lingua e da cultura galegas. Un compromiso que o converteu nun referente da literatura infantil e xuvenil e nunha figura fundamental para comprender a renovación educativa e cultural do país.
A calidade da súa produción viuse recoñecida con importantes distincións, entre outras moitas: o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, o Premio Xerais ou o doutoramento honoris causa pola Universidade de Vigo.
A conferencia permitiu achegarse á dimensión humana, literaria e cívica dun autor que concibiu a lectura como unha ferramenta para formar persoas críticas e libres, e que deixou unha fonda pegada en varias xeracións de lectores e lectoras.
A xornada pechouse coa lembranza do vínculo especial entre Agustín e a súa vila natal, resumido nunhas palabras do propio escritor que adquiriron un significado especial durante a homenaxe: «…É inmenso o agradecemento a toda a xente de Vilalba».
Coa colocación da placa e o inicio do programa Miradas sobre Agustín, o IESCHA, xunto á familia, ás institucións, ás entidades culturais e á cidadanía, abre un camiño colectivo para manter viva a súa memoria, difundir a súa obra e procurar que o seu legado reciba o recoñecemento que merece nas Letras Galegas de 2028.
Dende o Iescha, queremos manifestar o noso profundo agradecemento a todas as persoas que o están facendo posible.
Ata a próxima!!!
GALERÍA FOTOGRÁFICA DO ACTO























































VIDEO RESUME DO ACTO>>> https://www.facebook.com/reel/1853840262703513
