O Instituto de Estudos Chairegos-IESCHA, en colaboración co alumnado da Escola Municipal de Teatro e o Concello de Vilalba, celebrará un acto conmemorativo dos 90 anos da proclamación en Vilalba da Segunda República.
Terá lugar o día 24 de abril, sábado, ás 12 da mañá, e desenvolverase no templete da Praza da Constitución -se fixese mal tempo levarase a cabo na Casa da Cultura-. En calquera caso, cumprirase estrictamente coa normativa anti-covid estipulada por mor da pandemia; deste xeito, dende o Iescha, seguiremos apostando unha vez máis polo lema: “A cultura é segura”.
Foi o 14 de abril de 1931 cando se proclamou a Segunda República española; en Vilalba, uns días máis tarde, exactamente o 24 de abril, celebrouse a proclamación oficial da instauración do novo Réxime.
No último Caderno de Estudos Chairegos – publicación bienal do IESCHA, que vai polo número 10- Carlos Gómez Osa analiza polo miúdo a xeira republicana e a represión franquista na capital da Terra Chá no traballo titulado: “Vilalba: A política na República e a represión franquista”.
Nel figura que “O día 24 de abril (de 1931) realízase no salón de actos da Casa Consistorial a toma de posesión da Comisión Xestora, da que forman parte José Carballeira e Francisco Roca, do comité republicano e Domingo Gayoso e Manuel Taboada, do comité socialista”.
A prensa de entón publicou que “En medio de un gran entusiasmo izose la bandera tricolor en el balcón del Ayuntamiento a los acordes de la Nueva Lira y entre el disparo de potentes bombas. Varios vecinos hicieron uso de la palabra (…) En la Casa Consistorial ondearon durante nueve días las banderas republicana y gallega”