O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, organiza o Concerto da Cultura Chairega, dentro dos actos de homenaxe a Manuel María, no XX Cabodano iniciados o pasado 8 de setembro coa ofrenda, o recitado e a música no Espazo Manuel María, a carón da súa escultura.
O Concerto correrá a cargo de BRANCA VILLARES, coa participación de PABLO PINTOR, e terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba, o SÁBADO, 14 DE SETEMBRO, ÁS 20:00 HORAS. A entrada será de balde. Haberá que facer a correspondente reserva ben na páxina web do Concello, ben na Casa da Cultura de Vilalba).
Branca Villares.- Naceu en Lugo no 1980. Filla de gaiteiro e de formación musical maiormente autodidacta, a comezos dos 90 formou parte dos Colectivos Culturais María Castaña e Reviravolta de Lugo. Despois, durante case 10 anos en Liñaceira, referente para ela na experimentación vogal e nas percusións, traballando sempre coa música galega e portuguesa como base.
Ao longo dos anos, foi percorrendo a montaña lucense, e outras partes do país, aprendendo ritmos e melodías de man das mulleres e homes que de vello os interpretaron (informantes e grandes mestres), cunha especial querencia polas culturas raianas e a vertente sociocultural e lúdica da música.
Leva colaborado con multitude de iniciativas de divulgación e socioculturais, teatro, didáctica para a rapazada e formacións corais, contemporáneas, orquestrais, jazz, rock… e entende que as pandereteiras son cultura viva, capaces de enriquecer todas as expresións musicais posibles, comezando pola propia. E pra iso, segue aprendendo a diario.
Fixo parte de Eudemónicas e imparte aulas de Canto tradicional e Pandeira, pandeiro e pandeireta, así coma de iniciación musical para alumnado novo en diferentes escolas municipais e colectivos culturais da provincia. (https://botons. eu)