
O público que encheu a Casa da Cultura de Vilalba este sábado último de febreiro, puido comprobar a orixinal e xenuína presentación do libro A CASA DA TOIA levada a cabo polo seu autor Manuel Rubiños Ferreiro, unha obra de teatro editada polo Iescha e que fai o número 30 da colección Biblioteca Chairega.
Por alí andaban boa parte dos personaxes da obra: DONA VIRTUDES, viúva de don Xervasio, LURDITAS, irmá de dona Virtudes e monxa en Mondoñedo, MARÍA LUCITA, empregada de dona Virtudes, FLORENCIO, cego que canta polas feiras, CAETANO, guía de Florencio, o cego, e DON FACUNDO, o crego.
Antes falaron: Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, e Clara Naseiro que, enfundada na súa carecterización de María Lucita, foi abrindo camiño para ir coñecendo un pouco máis do libro. Dende o Iescha, queremos agradecer a todos eles a súa participación neste imaxinativo e original acto, e de xeito especial a Manuel Ferreiro polo seu bo traballo e pola súa presteza á hora de colaborar co Iescha.
E moitas grazas, como non, ao público asistente.