
O venres 7 de febreiro de 2025 ás 20:00 horas na Casa da Cultura de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a presentación do libro Paspartue, do coruñés Alex Pernas. Intervirán o propio autor, Alex Pernas, e Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.
SINOPSE DE “PASPARTUE”
“A primeira vez que naceu fíxoo nun primeiro de xaneiro. Ás cero horas, cero minutos, e cero segundos, viu por primeira vez a luz o primeiro dos Paspartues. O primeiro dunha estirpe maldita, escrava dun lúgubre destino.
Esta é a historia dunha obsesión, dunha fixación enfermiza por outra alma, por outro ser ao que perseguirá ao longo dos anos e das vidas.
Un relato atroz no que o renacer está inevitablemente ligado á repetición, e no que os propios froitos da maldición serán os que propicien que o pesadelo nunca teña fin.”
Alex Pernas, nado na Coruña no ano 1986, desenvolve a súa carreira coma enxeñeiro de software.
No mundo literario publicou a novela “Xarfas” (2018), o libro de relatos “A Paga” (2022) (publicado anteriormente coma folletín no xornal dixital adiante.gal entre os anos 2018 e 2021), o libro de relatos “De entre as tebras” (2023), e maila novela curta “Paspartue” (2024).
No ámbito musical estivo en varias formacións, sendo as principais “TST” (heavy metal), coa que publicou unha maqueta no ano 2008; “Ad Intra” (doom/death metal), coa que publicou o sinxelo “We Aren’t Ready to Take Off” (2011) e mailo LP “Inside Us All” (2013); “Os Relámpagos de Nós” (rock); e “Oymyakon” (groove/death metal), coa que se atopa na actualidade.
Tamén colaborou con diversas asociacións e xentes do ámbito do activismo.
Entrada libre e gratuíta ata completar aforo.