Coma todos os anos por estas datas, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, organiza os ACTOS DA CULTURA CHAIREGA, en homenaxe a MANUEL MARÍA, coincidindo neste 2023 co seu XIX CABODANO.
PROGRAMA
* VENRES 8 DE SETEMBRO – ÁS 20:30 HORAS – NO ESPAZO MANUEL MARÍA
Terá lugar unha ofrenda floral ao pé da súa escultura, así como un recital poético popular, aberto a toda a xente que queira participar con poesías, cancións ou calquera outro texto relacionado co gran poeta chairego.
Entrada libre e gratuíta.
* SÁBADO 9 DE SETEMBRO – ÁS 20:30 HORAS – NO AUDITORIO MUNICIPAL
Terá lugar en primeiro lugar:
O ACTO DE ENTREGA DA PLACA DE SOCIA DE HONRA DO IESCHA A MARICA CAMPO, nomeamento acordado por aclamación dos asistentes na Asemblea Xeral do día 24 de marzo de 2023, resaltándose o seguinte:
MARÍA PILAR CAMPO DOMÍNGUEZ, MARICA CAMPO, é unha escritora galega, nacida no Val do Mao, no concello do Incio. Outórgaselle a condición de SOCIA DE HONRA DO IESCHA polo súa defensa da lingua e cultura galegas, polo seu compromiso feminista, pola súa calidade literaria, pola súa abundante obra que abrangue diversos xéneros e temas, polo seu compromiso tamén coa promoción e difusión da cultura chairega e pola súa disposión a colaborar en actividades organizadas polo Instituto de Estudos Chairegos.
A continuación levarase a cabo:
O CONCERTO DO GRUPO GALEGO TUNDAL
TUNDAL
“Este nome sonoro serve para denominar un grupo de músicos que baixo o tundal do idioma e da música tradicional, alí onde sexa chamado fará música de rúa, tanto instrumental como cantada e que levará sempre no seu repertorio cantares de cego, romances, cantigas e pezas para seren bailadas. Xosé L. Ansemil (percusión e voz), Antón Castro (mandolina, zanfona e voz), Manolo Darriba (acordeón e voz), Miguel A. Díaz (clarinete e voz), Xan Fuertes (violín e voz) e Pedro Lucas (gaita, frautas e voz), con Esperanza Iglesias (voz).” https://amigosdopatrimoniodecastroverde.gal/2015/11/12/actos-x-aniversario-_-sorpresa-_-grupo-tundal/
A entrada para este acto será tamén de balde, pero por motivos organizativos e de loxística, haberá que realizar a correspondente reserva ben na páxina web do Concello, ben na Casa da Cultura, ou ben directamente no Auditorio o mesmo día 9.