Coma todos os anos por estas datas, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, organiza os ACTOS DA CULTURA CHAIREGA, en homenaxe a MANUEL MARÍA, coincidindo neste 2024 co seu XX CABODANO.
• DOMINGO 8 DE SETEMBRO – ÁS 13:30 HORAS
NO ESPAZO MANUEL MARÍA (Entrada de balde).
Terá lugar unha ofrenda floral ao pé da súa escultura, así como un recital poético popular, aberto a toda a xente que queira participar con poesías, cancións ou calquera outro texto relacionado co gran poeta chairego.
• SÁBADO 14 DE SETEMBRO – ÁS 20:00 HORAS
NO AUDITORIO MUNICIPAL (Entrada de balde. Haberá que facer a correspondente reserva ben na páxina web do Concello, ben na Casa da Cultura de Vilalba).
Terá lugar lugar o concerto de BRANCA VILLARES.
Branca Villares.- Naceu en Lugo no 1980. Filla de gaiteiro e de formación musical maiormente autodidacta, a comezos dos 90 formou parte dos Colectivos Culturais María Castaña e Reviravolta de Lugo. Despois, durante case 10 anos en Liñaceira, referente para ela na experimentación vogal e nas percusións, traballando sempre coa música galega e portuguesa como base.
Ao longo dos anos, foi percorrendo a montaña lucense, e outras partes do país, aprendendo ritmos e melodías de man das mulleres e homes que de vello os interpretaron (informantes e grandes mestres), cunha especial querencia polas culturas raianas e a vertente sociocultural e lúdica da música.
Leva colaborado con multitude de iniciativas de divulgación e socioculturais, teatro, didáctica para a rapazada e formacións corais, contemporáneas, orquestrais, jazz, rock… e entende que as pandereteiras son cultura viva, capaces de enriquecer todas as expresións musicais posibles, comezando pola propia. E pra iso, segue aprendendo a diario.
Fixo parte de Eudemónicas e imparte aulas de Canto tradicional e Pandeira, pandeiro e pandeireta, así coma de iniciación musical para alumnado novo en diferentes escolas municipais e colectivos culturais da provincia. (https://botons. eu)