DITAME DO XURADO DO VII PREMIO AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL POLA IGUALDADE
O sábado 21 de outubro de 2023, ás 16:30 horas, reuniuse, no local do IESCHA da Casa da Cultura de Vilalba, o Xurado do VII Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, convocado polo Instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia, e formado por D. Manuel Bragado Rodríguez, Dª Beatriz Maceda Abeleira e D. Pablo Nogueira Campo. Unha vez rematada a reunión emiten o seguinte DITAME:
O Xurado acorda, por unanimidade, outorgar o VII Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade á obra titulada QUEN PRECISA UNHA AVOA?,presentada baixo o lema ou seudónimo de #EUNONTEÑOAVOAS.
Unha vez aberta a plica, resultou ser a súa autora
ANDREA BARREIRA FREIJE
O xurado valora na novela o novedoso enfoque sobre o idadismo, a toma de consciencia sobre as necesidades das avoas por parte das crianzas, así como a importancia da observación e os coidados nas residencias de maiores. A conciliación familiar, o tecido da rede de afectos e a sororidade entre todos os personaxes son outros temas desta novela na que a autora a través do humor transmite dun xeito maxistral a complicidade entre diferentes xeracións.
_________________________________
ANDREA BARREIRA FREIJE, (Fonsagrada, 1986), é unha escritora galega.Graduada en xornalismo pola Univesidade de Santiago de Compostela, mestrado en Comunicación Científica, Tecnolóxica e Medio-ambiental pola Universidade Carlos III de Madrid e outro en Estudos Internacionais pola pola Universidade de Santiago de Compostela.
Imparte obradoiros de escritura para adolescentes e adultos.
Foi xestora cultural, tradutora, locutora, dependenta… e pedagoga.
Forma parte da plataforma de crítica literaria feminista A Sega, que visibiliza o traballo das escritoras.
Publicou o conto infantil de Nadal, Que pode sair mal? para as actividades Pontexogos (Pontevedra) do Nadal 2016/17, ilustrado por Ana Seoane.
Obras
–Non hai luz sen escuridade (2015). Santiago: Urco Editora. Novela xuvenil fantástica.
–Palabra de bruxa (2018). Vigo: Galaxia, Costa Oeste. 168 páxs.
–Desmontando o corpo, construíndo a ciencia. As xemelgas Fernández de la Vega (2021). A Coruña: Baía. 48 páxs. (Fonte wikipedia)