CINEFORUM “ECLIPSES NO CINEMA”, A CARGO DE MARTIN PAWLEY, CON MARISA BARREIRO. XOVES 25 DE XUÑO DE 2026, ÁS 20:00. ORGANIZA IESCHA. COLABORA CONCELLO DE VILALBA. CASA DA CULTURA. ENTRADA DE BALDE

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) organiza, coa colaboración do Concello de Vilalba, unha actividade divulgativa arredor da relación entre a astronomía e a sétima arte, que contará coa participación de MARTIN PAWLEY, crítico e programador de cinema, divulgador cultural e coordinador dos grupos de traballo sobre contaminación luminosa e diversidade da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío.

A presentación correrá a cargo da presidenta do Iescha, MARISA BARREIRO.

O acto terá lugar o xoves 25 de xuño de 2026, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.

MARTIN PAWLEY PROTAGONIZA UNHA NOVA ACTIVIDADE DO IESCHA SOBRE OS ECLIPSES NO CINEMA

Baixo o título “Eclipses no cinema”, Pawley ofrecerá unha interesante charla na que realizará un percorrido por unha selección de películas nas que a ocultación do Sol pola Lúa ocupa un lugar destacado. A sesión permitirá descubrir como o fenómeno dos eclipses foi representado ao longo da historia do cinema, con exemplos tan singulares como Barrabás, filme que pasou á historia por incluír a gravación dun eclipse solar real.

A actividade enmárcase no conxunto de iniciativas divulgativas promovidas con motivo do eclipse solar total que poderá observarse en Galicia o 12 de agosto de 2026, un acontecemento astronómico excepcional, xa que será o único eclipse total visible no noso territorio en máis dun século.

Esta proposta constitúe unha magnífica oportunidade para achegarse ao mundo da astronomía a través do cinema, combinando divulgación científica e cultura nun formato ameno e accesible para todos os públicos.

O IESCHA anima á cidadanía a participar nesta actividade e a compartir unha experiencia que permitirá contemplar os eclipses desde unha perspectiva diferente, a través da mirada dos grandes creadores cinematográficos.

MARTIN PAWLEY (A Coruña, Galicia, 1974) escribe sobre cinema en diversas publicacións (Caimán Cuadernos de Cine, Nós Diario, Con los ojos abiertos, Revista Luzes, Quiasmo.net e blog Acto de primavera) así como nos libros colectivos “Reframing Portuguese Cinema in the 21st Century” (edición en inglés e portugués), “¿Qué será del cine?” (editado en español e coreano) ou o caderno da Cinemateca Portuguesa dedicado a João Pedro Rodrigues e João Rui Guerra da Mata. Codirixiu con Marcos Pérez a curta experimental “Fogos”, que se mostrou en festivais coma o FIC Xixón, Punto de Vista ou FID Marsella. Programou ciclos e seccións de festivais e produciu o filme “Costa da Morte” (Lois Patiño, 2013), que se presentou en máis de 50 festivais internacionais. Foi xurado en festivais de cinema coma o Curtas de Vila do Conde, BAFICI, Festival dei Pópoli, FIC Valdivia, FCAT, Filmadrid ou Cineuropa, entre outros. Como divulgador científico especializado en astronomía, mantén desde 2019 unha columna mensual sobre contaminación luminosa na revísta “Astronomía” e escribe no Nós Diario tamén sobre estes temas. É socio desde 2002 da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e coordina nela os grupos de traballo sobre contaminación lumínica e diversidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad