CIRCUÍTO DE TEATRO PROFESIONAL O GRUPO “BÁTEGA TEATRO”, PON EN ESCENA A OBRA “O PANO”. DOMINGO 23/11/25, ÁS 20:00 H. AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a representación da obra “O PANO”, a cargo do grupo BÁTEGA TEATRO, nunha actividade englobada no Circuito de Teatro Profesional, financiada e patrocinada pola Área de Cultura- Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O acto terá lugar o vindeiro domingo 23 de novembro, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, con entradade balde, pero haberá que facer a correspondente reserva en entradasvilalba.es ou na páxina web do Concello.

O PANO.- Montaxe multidisciplinar que abrangue o drama, o musical e mesmo a ciencia ficción. Público a partir dos 12 anos. 60 min.

O Pano reflicte a vida de dúas mulleres entre as que existe unha conexión atemporal. Celia, nada en 1924, vivíu a crueza do patriarcado ao longo do século XX e Sau vive as consecuencias do seu enquistamento nun probable devir distópico en pleno corazón do século XXI. Celia acaba de chegar ao limbo. Lembra o ensino da II República, o terror da Guerra Civil e a posguerra, escuro período no que coñece a Mario, un maltratador que lle deixou unha fonda cicatriz. Celia afrontou esa dor desde unha heroicidade pouco convencional. Coa axuda de Soidade, a fraga, a súa horta e a forza de todas as súas devanceiras, reconstruíu a súa vida.

Sau 43 acaba de fuxir por unha fendedura temporal. No ano 2040, no que vive, todas as persoas levan un microchip desde a secura do 29, todas as mulleres e boa parte dos homes foron xulgadas publicamente e a agresividade medra cada día. Ou mudamos o presente ou non temos futuro. Mirémonos aos ollos, sintamos e non sucumbamos endexamais.

Autora: Raquel L. Cendán // Dirección: Raquel. Cendán // Elenco: Raquel L. Cendán e Ero Vázquez Cabrera.

BÁTEGA TEATRO.- Bátega xurdiu no 2015 ao abeiro das “Noites poéticas” que se viñan celebrando desde o 2010 no Centro Social Vagalume de Lugo. Os dous membros do grupo Pedro e Raquel, participaron desde o comezo neste evento con propostas nas que combinaban música, humor, monólogos, contos e poesía. Para darlle continuidade a esta actividade fundaron Bátega Teatro, un proxecto multidisciplinar con varias montaxes xa ás costas “A fábrica e a tristura”, “A síntese”, “A dúbida e adoutrina” ou “Amordazadas”, entre outras.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad