COMUNICADO DO INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS DE VILALBA: “A ROSARÍO ÁLVAREZ, PRESIDENTA SAÍNTE, E A DOLORES VILAVEDRA, NOVA PRESIDENTA DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA”

Dende o Instituto de Estudos Chairegos de Vilalba queremos expresar o noso máis sincero agradecemento e trasladarlle os nosos parabéns a Rosario Álvarez, que conclúe o seu mandato á fronte do Consello da Cultura Galega.

Ao longo destes anos, tivemos a oportunidade de comprobar de primeira man a súa dedicación, compromiso e entrega ao servizo da cultura galega, desenvolvendo unha labor exemplar na promoción, defensa e difusión do noso patrimonio cultural. O seu traballo contribuíu de maneira decisiva ao fortalecemento das iniciativas culturais do noso país e ao recoñecemento do papel fundamental que a cultura desempeña na sociedade galega.

Queremos salientar especialmente a súa permanente disposición para colaborar coas actividades promovidas polo IESCHA, amosando en todo momento unha actitude aberta, próxima e receptiva ás nosas propostas e inquietudes.

De maneira moi particular, desexamos agradecerlle o seu compromiso e apoio na organización das Xornadas (Das Irmandades da Fala; Da Muller; Da Lingua e Identidade; Da Diversidade e Identidade de Xénero; Das Irmandiñas; Do Patrimonio Inmaterial I, e Do Patrimonio Inmaterial II) que vimos celebrando dende o ano 2018, no mes de novembro. A colaboración e o respaldo do Consello da Cultura Galega resultaron fundamentais para o éxito desta iniciativa, que se teñen consolidado como un importante espazo de encontro, reflexión e difusión cultural.

Por todo iso, queremos facerlle chegar o noso recoñecemento e gratitude, ao tempo que lle trasladamos os nosos mellores desexos para esta nova etapa persoal e profesional que agora inicia, coa certeza de que seguirá contribuíndo ao engrandecemento da cultura galega desde os ámbitos nos que desenvolva a súa actividade.

Así mesmo, queremos trasladar os nosos máis sinceros parabéns á nova presidenta do Consello da Cultura Galega, Dolores Vilavedra polo seu nomeamento. Desexámoslle toda clase de éxitos e acertos no desempeño desta alta responsabilidade, convencidos de que a súa traxectoria e compromiso coa cultura galega contribuirán a continuar fortalecendo o labor desta institución de referencia. Manifestámoslle, igualmente, a nosa vontade de seguir mantendo e afondando nas relacións de colaboración e cooperación que tan bos froitos teñen dado ata o de agora, na confianza de que xuntos continuaremos impulsando iniciativas en favor da nosa cultura e do noso patrimonio.

Reciban ambas unha cordial e afectuosa felicitación.

A XUNTA DIRECTIVA DO IESCHA

Vilalba, 1 de xuño de 2026

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad