CONCERTO “CANTOS DE RAÍZ. DA RAÍZ DO CANTO A CARGO DO GRUPO “CANTAR DELAS”. DOMINGO 26/10/2025 – 20:00 HORAS, NA CASA DA CULTURA DE VILALBA

O Instituto de Estudos Chairegos coa financiación e patrocinio da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputacion de Lugo, organiza o CONCERTO “CANTOS DE RAÍZ. DA RAÍZ DO CANTO”, DO GRUPO CORAL “CANTAR DELAS”.

O acto terá lugar o vindeiro domingo 26 de outubro de 2025, ás 20:00 horas, na CASA DA CULTURA DE VILALBA, e contará tamén coa actuación das canteareis LAMBE, LAMBE

CANTOS DE RAÍZ. DA RAÍZ DO CANTO

Cantar Delas fai, con este concerto, unha homenaxe á música popular que, como creación colectiva, perviviu a través da oralidade ao igual que a lingua galega. As mulleres tiveron un papel fundamental na creación, preservación e transmisión da mesma con cantigas creadas para acompañar a vida cotiá, a experiencia do mundo rural, o apego á terra e á casa, as festas e labores campesinos, os mitos e lendas, refráns, alalás, cantos de berce.

Cantadoras, tocadoras e bailadoras fortalecían os vencellos comunitarios no ocio colectivo. Desde as primeiras recollas foise poñendo de relevo a figura do gaiteiro, que desempeñaba o seu oficio no espazo público, mentres que as pandeireiteiras tocaban no espazo privado, conforme o papel asignado ás mulleres.

En Cantares Gallegos (1863) obra iniciática do Rexurdimento literario galego, de Rosalía de Castro, cédese a voz poética a una mociña que nos guía polas 36 composicións que son iniciadas por uns versos populares.

A importancia da literatura e a música populares podémola ver tamén en Cantares Gallegos (1911) de Manuel Leiras Pulpeiro, en Aires da miña terra de Curros Enríquez.

Xoán Montes, Xosé Castro “Chané”, Pacual Veiga entre outros procuran a inspiración nas melodías tradicionais. Baseados no rico patrimonio musical galegos crearon melodías, cantigas, alalás, baladas, romanzas cun profundo significado emocional compartido como é o caso do Negra Sombra, que interpretamos neste concerto, a Alborada de Xoán Montes ou a Alborada de Veiga.

A partir da metade do século XIX xorden en toda Galicia asociacións, liceos e círculos dos que forman parte os compositores nomeados. Créanse agrupacións orfeonísticas en Lugo, A Coruña, Santiago, Ourense, Vigo, Pontevedra, Modoñedo. Destacamos a creación do Orfeón Villalbés en 1882, fundado por Santiago Mato Vizoso que ademáis compuxo pezas para seren interpretadas como as recollidas en Aires de Villalba.

Na actualidade as máis de 200 agrupacións corais de Galicia promovemos a transmisión da música tradicional. Outras formas anovadas baseadas no popular son elaboradas por cantareiras, autoras e autores individuais e grupos diversos que beben da RAÍZ DO CANTO.

PROGRAMA DO CONCERTO

Música popular: creación colectiva

Alalá de Triacastela. Tradicional. Arr. F.G. Jácome

Romance da Lavandeira.Tradicional. Arr. F.G. Jácome

Alalá das Mariñas.Tradicional. Arr. Ana Váquez Silva

Eu de Marín ausenteime. Tradicional. Arr. J. Domínguez

Olhos negros. Tradicional das Azores

Ó minha amora madura. Tradicional portuguesa. Arr. F.G. Jácome

As raíces reveladas

Os teus ollos. Curros/Chané/F.G. Jácome

Lonxe da Terriña. Aureliano Pereira/Xoán Montes/Mili Porta

Negra Sombra. Rosalía de Castro/Xoán Montes/Arr. J. Domínguez

Da raíz do canto

Lela. Rosendo Mato/ F.G. Jácome

María Soliña. Celso Emilio Ferreiro/ Paz Valverde/F.G. Jácome

Pandeirada. Andrés do Barro/Arr. Ileana Delgado

Compañeira. Xosé Luis Rivas/Julio Domínguez

Unha mañá de setembro. Sés/Arr. F.G. Jácome

Do mar pola orela. Manuel Curros Enríquez/ Batallán/Arr. Julio Domínguez

Ao remate do concerto actuará o grupo de cantareiras LAMBE LAMBE de Vilaba.

Entrada libre ata completar aforo

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad