#Tradigalu2024Vicepresidencia. Deputación de Lugo
O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración coa Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, organiza o concerto CREADORAS DE MÚSICA, a cargo do grupo coral CANTAR DELAS, dirixido por FERNANDO GÓMEZ JÁCOME que terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba o SÁBADO 9 DE NOVEMBRO DE 2024, ás 20:00 horas.
A ENTRADA SERÁ DE BALDE, PERO HABERÁ QUE REALIZAR A CORRESPONDENTE RESERVA BEN NA PÁXINA WEB DO CONCELLO, BEN NA CASA DA CULTURA OU O MESMO DÍA NO AUDITORIO
O PROXECTO “CREADORAS DE MÚSICA”
Ao longo da historia, as mulleres foron sistematicamente excluídas do recoñecemento cultural e artístico, sendo relegadas a roles secundarios e privadas do acceso á educación. Este silencio imposto fixo que compositoras, intérpretes e creadoras quedasen na escuridade, sen posibilidade de que a súa contribución fose valorada. “Creadoras de Música”, o proxecto impulsado por Cantar Delas, busca poñer en valor estas figuras esquecidas, dar a coñecer as súas composicións e destacar a capacidade creativa das mulleres ao longo dos séculos.
O proxecto ofrece un ciclo de concertos, como o que se presenta, que exploran desde a música medieval de Hildegarda von Bingen ata as cantautoras do século XX como Violeta Parra, pasando polas cantigas galego-portuguesas, a música popular e o repertorio feminino dos cancioneiros renacentistas. Así mesmo, recoñece o traballo de directoras e harmonizadoras de voces brancas e creadoras contemporáneas, subliñando a importancia de reivin-dicar o acceso das mulleres á formación musical e o seu papel na historia cultural.
O GRUPO CORAL CANTAR DELAS
CANTAR DELAS é o único coro de voces brancas da provincia de Lugo, fundado en 2008 e dirixido por Fernando Gómez Jácome. Ao longo da súa traxectoria, o grupo levou a cabo proxectos destacados, como a interpretación do *Stabat Mater* de Pergolesi en 2010 coa Orquestra de Xove e un proxecto sobre composicións medievais en 2012 xunto ao grupo Tundal. En 2017 participou no concerto *Unha tarde na ópera*, acompañado polo pianista Aurelio Chao. No Festival de Música Cidade de Lugo de 2018, rendeu tributo a Xoán Montes e, en 2019 e 2020, presentou o ciclo *Mulleres libres*, un percorrido histórico da música.En 2022, co motivo do Xacobeo, CANTAR DELAS interpretou o ciclo Carmina Viarum, con música medieval inspirada nas rutas do Camiño de Santiago. Tamén colaborou en eventos organizados polo Concello de Lugo, como o Día das Letras Galegas ou o Día Internacional contra a Violencia de Xénero. Actualmente, o coro desenvolve o proxecto “Creadoras de música”, que busca visibilizar a contribución de compositoras históricas que foron silenciadas.