O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza o día 16 de maio de 2024, na Casa da Cultura de Vilalba, o CONCERTO de CARLOS GÓMEZ OSA “Cantigas para andar a Terra Chá”, cando se cumplen 70 anos da primeira edición do libro de Manuel María “TERRA CHÁ”.
A Terra Cha somentes é:
un povo aquí, outro acolá,
mil arbres, monte raso,
un ceo chumbo e tráxico
no que andan as aves a voar.
O resto é soedá.
Así comeza unha das seccións do poemario de Manuel María, e así dará comezo tamén (e final) o Concerto “Cantigas para andar a Terra Chá”.
Carlos Gómez Osa, co acompañamento da súa guitarra, porá a súa música e a súa voz a 20 poemas deste magnífico libro escrito por Manuel María.
Foi un 17 de maio de 1954, na Editorial Celta de Lugo, cando se publica “Terra Chá”, con limiar de Ánxel Fole. En 1967 apareceu a segunda edición, do Círculo de las Artes de Lugo, xa con 91 poemas. De 1972 é a terceira edición, de Editorial Celta, con portada de Luís Seoane e ilustracións de Isaac Díaz Pardo, con 100 poemas. Tamén Celta sacou a cuarta edición en 1980, con 105 poemas.
En 1989 apareceu unha edición crítica a cargo de Xosé María Dobarro, publicada por Edicións Xerais mais sen o prólogo de Ánxel Fole. En 2001 Produccións Culturais Artesa sacou a sexta edición, con limiar do propio autor e ilustracións e gravados de Felipe Criado, con 114 poemas.
En 2001 Espiral Maior incluíu a obra no primeiro volume da Obra poética completa do autor (1950-1979). En 2002 La Voz de Galicia editou Terra Chá na Biblioteca galega 120, e en 2005 foi editada pola Irmandade dos Vinhos Galegos. No ano 2015 saíu a décima edición da man da Casa-Museo Manuel María.
“Terra Chá”, considerado un dos libros máis coñecidos e importantes de Manuel María, é unha apaixonada homenaxe a unha terra e a un pobo, unha celebración da vida e da beleza coa que Manuel María quere transmitirnos a importancia de conectar coas nosas raíces, poñer en valor a riqueza das nosas terras e “a sinxeleza da forma co fin de que a poesía volva ser popular”.
Ao longo dos poemas, convídanos a explorar a Terra Chá a través da súa mirada poética, revelando a beleza e a melancolía que impregnan cada recuncho desta terra. É un canto ás súas xentes, aos animais, ás tradicións, ás festas… Os seus versos están impregnados dun profundo amor e respecto pola natureza, así como pola rica historia e tradicións arraigadas nesta comarca, á que tanto loou e pola que tanto fixo Manuel María.