CONFERENCIA “A CREACIÓN DUN DISCURSO PROPIO SOBRE A LINGUA GALEGA E A SÚA NORMALIZACIÓN”. ANA Mª IGLESIAS. VENRES 24/01, 20:00.

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a conferencia “A CREACIÓN DUN DISCURSO PROPIO SOBRE A LINGUA GALEGA E A SÚA NORMALIZACIÓN”, impartida por ANA MARÍA IGLESIAS, Doutora en Filoloxía, coa presentación de MARISA BARREIRO.

Esta acto terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba, o venres 24 de xaneiro de 2025, ás 20:00 horas.

Ana Iglesias Álvarez (Vigo, 1973).

Doutora en Filoloxía (2002) e licenciada con grao en Filoloxía Hispánica e Filoloxía Galego-Portuguesa, pola Universidade de Santiago de Compostela. Premio Extraordinario de Licenciatura (curso 1997/98) e Premio Extraordinario de Doutoramento da Facultade de Filoloxía (curso 2001/02).

Tras rematar a licenciatura, dedicouse á investigación no campo da Sociolingüística. Resultado deste labor son varios artigos publicados en revistas especializadas, como Verba, Cadernos de Lingua ou Estudos de Lingüística Galega, así como a participación en diversos Congresos, de carácter nacional e internacional, ademais do libro publicado por Eds. Xerais, na colección Universitaria, baixo o título Falar galego: “no veo por qué” (2002). Tamén participou na elaboración do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega da Xunta de Galicia (Dirección Xeral de Política Lingüística), como membro da Comisión Sectorial Nº 2, dedicada á Educación, Familia e Mocidade.

Nos últimos tempos tense especializado no ámbito da Política Lingüística Familiar, no que ten varios artigos, sobre a transmisión interxeracional en Galicia, en revistas como RESLA, Estudos de lingüística galega.

No ámbito laboral, cómpre destacar a docencia como profesora asociada no Departamento de Filoloxía Galega e Latina, na Universidade de Vigo (desde 2004 ata 2012), actividade que compartiu coa docencia no ensino medio na materia de Lingua galega e literatura, ata que no curso 2014/2015 se incorporou a tempo completo na Universidade de Vigo, onde na actualidade imparte aulas, tamén de lingua galega e literatura, na Facultade de Educación e Traballo Social, no campus de Ourense. Sempre compaxinou o seu traballo como docente e investigadora coa elaboración dos libros de texto de Lingua e literatura galegas da editorial Xerais, tanto de bacharelato como da ESO.

A ENTRADA SERÁ DE BALDE

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad