O sábado 19 de marzo de 2022 é a nova data fixada (despois de terse adiado a do 26 de decembro de 2021) para a presentación na capital chairega do libro Conversas arredor de Xorima, de Paulo Naseiro, editado no ano 2020 polo Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración da Área de Cultura/Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O evento marca o despegue do Proxecto Xorima, un proxecto transmedia que busca homenaxear o grupo de folk Xorima a través de múltiples medios e plataformas, recuperando a súa memoria e reunindo aos membros da primeira formación despois de corenta anos. Xorima foi un grupo revelación no nacente folk instrumental galego dos anos oitenta. Chegaron a actuar nos máis importantes festivais de folk en Galicia e traspasaron as súas fronteiras para acudir a citas como o Festival Intercéltico de Lorient. Do seu paso pola historia do folk galego deixaron pegada nun disco gravado en 1985. O proxecto Xorima xa conta cunha páxina web, proxectoxorima.com, e está a producir un documental que será estreado en data aínda non fixada. Nas redes sociais, pódense seguir todas as novidades a través de Twitter (@Proxecto_Xorima), Instagram (proxecto_xorima) e Facebook (@ProxectoXorima).
A presentación do libro Conversas arredor de Xorima terá lugar no Auditorio Municipal de Vilalba ás 20:00h, nun evento que tamén contará coa actuación de Xorima.
As entradas que se sacaron para a anterior data prevista nun proncipio para o 26 de decembro de 2021, seguen tendo validez para esta do 19 de marzo de 2022. En todo caso, recoméndase ás persoas que aínda non teñen entradas e estean interesadas en acudir ao acto, que permanezan atentas á disponibilidade das mesmas na web do Concello, pois irán aparecendo aquelas que vaian quedando libres.
A organización do evento corre a cargo do Instituto de Estudos Chairegos, como principal asociación participante no proxecto, en colaboración co Concello de Vilalba.