DENDE HOXE, BIBLIOTECA MUNICIPAL “AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ”!!! A SOLICITUDE DO IESCHA FOI APROBADA NO PLENO DO CONCELLO (31/07/25)

INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS, como entidade solicitante, quere expresar publicamente a súa máis fonda satisfacción pola aprobación, no Pleno do Concello de Vilalba levado a cabo esta tarde, do acordo polo que a Biblioteca Municipal da nosa vila pasará a denominarse Biblioteca Municipal “Agustín Fernández Paz”.

Congratulámonos deste xusto recoñecemento a quen, ao longo da súa traxectoria vital e profesional, demostrou un compromiso firme e continuado coa nosa lingua, coa nosa cultura e coa nosa terra. A decisión do Pleno honra a memoria e o labor dun vilalbés ilustre, cuxa pegada no eido cultural e humano permanecerá viva entre nós.

Queremos tamén agradecer ao Pleno do Concello de Vilalba a sensibilidade amosada coa veciñanza e co legado de Agustín Fernández Paz, e celebrar que se dea así cumprimento ao que establece o Regulamento Especial de Honras, Distincións e Protocolo Cerimonial do Concello, recoñecendo aqueles que, como Agustín, foron exemplo de dignidade, compromiso e amor por Vilalba, pola Terra Chá e por Galicia.

Desde o IESCHA, continuaremos traballando para manter viva a súa memoria e os valores que el representou, convencidos de que este nomeamento contribuirá a inspirar ás novas xeracións no camiño do respecto pola cultura propia e pola construción dunha sociedade máis xusta e comprometida.

Vilalba, 31 de xullo de 2025

A XUNTA DIRECTIVA DO IESCHA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad