
O IESCHA desexa expresar a súa máis fonda tristura polo pasamento de Xesús Alonso Montero, figura sobranceira da cultura galega.
O recoñecido intelectual, falecido en Vigo aos 97 anos, deixa unha pegada inesquecible no ámbito académico e cultural do noso país. Membro destacado e presidente da Real Academia Galega, foi tamén un pioneiro nos estudos sociolingüísticos sobre a lingua galega, ademais dun escritor prolífico e dun firme e constante defensor do noso idioma.
Desde o IESCHA, queremos lembrar tamén a súa disposición e proximidade, pois participou nalgunha das nosas actividades culturais, compartindo xenerosamente o seu saber e o seu compromiso coa lingua e coa sociedade galega, sendo ademais, para varios membros da nosa xunta directiva, un profesor admirado e inesquecible, deixando unha fonda pegada humana e intelectual, e sempre lembrado co cariño e o respecto que merecen os mestres verdadeiros.
Facemos chegar o noso agarimo e solidariedade á súa familia, amizades e a toda a comunidade cultural galega neste momento de dor. O seu legado permanecerá vivo na memoria colectiva do país.
Que a terra lle sexa leve!
A XUNTA DIRECTIVA DO INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS DE VILALBA

