Cargando eventos

« Todos os eventos

  • Este evento pasou.

ACTO DE ENTREGA DA MENCIÓN DE HONRA DO IESCHA A D. DARÍO RIVAS CANDO, O LOITADOR DA MEMORIA. SÁBADO 11 NOV, ÁS 19:00, NA CASA DA CULTURA DE VILALBA

Novembro 11 @ 19:00 - 20:30

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), organiza o ACTO DE ENTREGA DA PLACA COA MENCIÓN DE HONRA DO IESCHA A TÍTULO POSTUMO A DARIO RIVAS CANDO, acordada por unanimidade na Asamblea Xeral Ordinaria do presente ano, entre outras razóns, “por activar as xestións en memoria democrática con relación a seu pai Severino Rivas, fusilado no 36, resultando ser o primeiro querellante do Estado na causa contra os crimes franquistas na Arxentina”

O acto, presentado por Sabela Figueira, vice-presidenta do Iescha, terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba o SÁBADO 11 DE NOVEMBRO DE 2023, ás 19:00 e contará coa presenza de:

  • Mª Jesús Rivas,sobriña de Darío Rivas
  • Carmen García Rodeja, voceira da Asociación pola  Recuperación da Memoria Histórica (ARMH)
  • Baldomero Iglesias Dobarrio “MERO”,amigo da familia

DARÍO RIVAS CANDO nado en Loentia (Castro de Rei) en 1920 e finado en Buenos Aires o 15 de abril de 2019, foi o primeiro querelante español da causa que investiga na Arxentina os crimes de lesa humanidade, xenocidio e desaparición forzada cometidos durante a guerra civil e a ditadura de Francisco Franco. Rivas conseguiu que o seu pai, Severino Rivas Barja, fose o primeiro fusilado exhumado en Galicia.
Fillo de Severino Rivas Barja, logo da morte da súa nai, o pai enviouno a estudar a Arxentina en 1929, con oito anos, onde xa estaban outras das súas irmás. Con dezaseis anos, recibiu a noticia de que o seu pai, alcalde republicano de Castro de Rei, fora fusilado “por traición a la patria” o 29 de outubro de 1936. Severino tiña 58 anos e nove fillos cando foi asasinado por un grupo de falanxistas, tres meses despois de asumir o seu cargo.
Ao coñecer a noticia, Rivas quixo conseguir xustiza para o seu pai e iniciou o proceso para encontrar onde estaba soterrado. Pasados setenta anos logrou recuperar o seu corpo e, en 2005, converteuse no primeiro fusilado exhumado en Galicia. Despois de recuperar os seus restos, colocou unha placa coa inscrición: “Papá, descansa en paz. Te lo pide tu niño mimado”. Logo da exhumación, volveu a Arxentina pero decidiu axudar a outras persoas para que se exhumaran os restos dos seus familiares das fosas comúns e as cunetas.
O 14 de abril de 2010, Rivas, que tiña noventa anos, presentou no Juzgado Nacional en lo Criminal y Correccional Federal nº 1 de Buenos Aires unha denuncia particular para que comenzase unha investigación sobre os crimes do franquismo con base no principio de xustiza universal recoñecida pola Constitución da Nación Arxentina. A decisión de levalo ante unha institución arxentina foi motivada pola Lei de Amnistía de 1977, pola que a xustiza española impide xulgar os crimes de lesa humanidade, xenocidio e desaparición forzada cometidos durante a guerra civil e a ditadura de Francisco Franco. Rivas converteuse así na primeira persoa en formar parte da querela arxentina contra os crimes do franquismo, que denuncia o Estado español como responsable dos delitos cometidos entre o día 17 de xullo de 1936 e o 15 de xuño de 1977, data das primeiras eleccións despois da morte do ditador Francisco Franco.
Estando de visita en Santiago de Compostela, Rivas entregoulle á chanceler Angela Merkel unha carta na que lle pedía “reparación polos crimes do exército alemán que axudou a Franco a instaurar a súa ditadura”. En 2014, a proposta da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH), a Deputación de Lugo entregou a Rivas unha placa de honra en agradecemento “pola súa defensa dos dereitos humanos e a súa loita en defensa dos represaliados e familiares das vítimas da represión franquista”.

Detalles

Data:
Novembro 11
Hora:
19:00 - 20:30

Recinto

Casa da Cultura
Praza Suso Gayoso, 1
Vilalba, Lugo 27800 Spain
+ Google Map
Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad