
- Este evento pasou.
EXPOSICIÓN “A CASA DE GALICIA. 50 ANOS DA CASA DE ROSALÍA” – NA PRAZA DA CONSTITUCIÓN DE VILALBA – 6/09/22 – 17:00
06/09/2022 @ 17:00 - 18/09/2022 @ 17:00

Chega a Vilalba a exposición sobre os 50 anos da Casa de Rosalía
Estará na Praza da Constitución desde o vindeiro martes, día 6, ata o 18 de setembro, cando continuará a súa itinerancia por Chantada e Becerreá
Esta mostra repasa a historia da Casa-Museo de Rosalía e lembra o fito que supuxo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta Casa en pleno franquismo grazas á colaboración de milleiros de persoas.
6 de setembro de 2022, 17:00 horas, Praza da Constitución de Vilalba, inaugiración da exposición ‘A Casa de Galicia. 50 anos da Casa de Rosalía’ na que se repasa a historia deste museo e se lembra o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta Casa grazas á colaboración de milleiros de persoas.
A mostra, que se pode visitar na Praza da Constitución (A Chouzana) ata o 18 de setembro, está comisariada por Pepe Barro, tamén autor da museoloxía da Casa-Museo. Contará coa presenza de Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía; Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA; Elba Veleiro, alcaldesa do Concello de Vilalba; Vanesa Siso, concelleira de Cultura, e Tareixa Ferreiro, vicepresidenta da Deputación de Lugo, que financia esta itinerancia, que logo a levará por outras vilas da provincia como Chantada e Becerreá.
Esta exposición fai un repaso pola historia desta Casa-Museo que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, converteuse en refuxio do galeguismo, con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Nin sequera o franquismo puido facerlle fronte á vontade popular de recuperar esta Casa.
Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 70 concellos, varios bancos, equipos de fútbol e innumerables asociacións de todo o país.