Cargando eventos

« Todos os eventos

  • Este evento pasou.

O CONCELLO DE VILALBA, A NOVA POESÍA GUITÍRICA-NPG E O INSTITUTO DE ESTUDOS CHAIREGOS-IESCHA CELEBRAN A SEGUNDA EDICIÓN DAS “XORNADAS ROSALIANAS”

17/02/2023 - 25/02/2023

O Concello de Vilalba, a Nova Poesía Guitírica (NPG) e o Instituto de Estudos Chairegos (Iescha) volven unirse para a celebración da segunda edición das “Xornadas Rosalianas”, unha iniciativa que botou a andar o pasado ano coincidindo coa inauguración do parque na honra da escritora galega.
Tralo éxito acadado na súa estrea, as tres entidades programaron para este 2023 un mes de febreiro cheo de actividade co obxectivo de por en valor a figura de Rosalía de Castro como unha muller sobranceira das nosas letras e unha figura clave na cultura galega.
As diferentes actividades previstas comezarán o venres día 17 coa inauguración da mostra “Lieders”, de Clara Martín, na sala de exposicións do Auditorio Municipal en alusión ao artigo, datado no 1858, e considerado como o primeiro manifesto feminista publicado en Galicia.
O sábado 18, na entrada do Auditorio Municipal a partir das 12:00 horas, Anxo Angueira, presidente da Fundación Rosalía de Castro, fará un relatorio baixo o título “Rosalía Sempre!”. Este encontro terá continuación cunha ofrenda floral no Parque Rosalía de Castro que incluirá un recitado a cargo de alumnado do Ies Basanta Silva, ademais de acompañamento musical.
O alumnado infantil de Vilalba tamén será partícipe desta homenaxe á gran escritora galega, coa realización de pensamentos que serán recollidos e colocados no parque polos usuarios e usuarias do obradoiro de xardinaría do Centro Ocupacional. Nesta segunda edición, que implica a distintos sectores de toda a vila, realizarase unha gran mostra de Rosalías debuxadas polo alumnado de Primaria na entrada do Auditorio Municipal.
A axenda de actividades continuará o luns día 20 de febreiro cun recital poético e unha audición de música na Residencia de Maiores de Vilalba co epígrafe “Lembrando a Rosalía” (actividade interna).
Ademais, os días 23 e 24 está organizado nos CEIP Terrá Chá, Román, Insua Bermúdez e Mato Vizoso o obradoiro “Buscando a Rosalía” a cargo de Raquel Queizás, que dará paso, ao día seguinte, a un Relatorio de Martín Pawley, crítico de cine, programador e produtor, sobre “Rosalía nas pantallas”.
A longa lista de actos inclúe tamén o sábado día 25, no parque Rosalía de Castro, un Recital-Concerto a cargo da  Nova Poesía Guitirica, coa participación e acompañamento de grupos e entidades locais, mentres que se baixará o telón das “Xornadas Rosalianas” co pregón da artista multidisciplinar Luz Darriba e a actuación do Dúo Vaguedades, que interpretarán a Rosalía de Castro e a Eduardo Pondal. A cita é ás 20:00 horas no Auditorio Municipal de Vilalba.
Nesta segunda edición, as tres entidades organizadoras, representadas por mulleres, insisten no seu obxectivo de subliñar o legado de Rosalía de Castro non só como figura emblemática da literatura galega e española, senón tamén como símbolo do pobo galego en eidos como a cultura, a lingua e o feminismo.

ℹ️ Máis información en: https://bit.ly/3Yd5xp1

Detalles

Comezo:
17/02/2023
Remate:
25/02/2023
Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad