- Este evento pasou.
PRESENTACIÓN DE: “O LIBRO NEGRO DA LINGUA GALEGA”, DE CARLOS CALLÓN. XOVES 4 DE ABRIL DE 2024, ÁS 20:00, NA CASA DA CULTURA DE VILALBA, NUN ACTO ORGANIZADO POLO IESCHA.
Abril 4 @ 20:00 - 21:30
O Instituto de Estudos Chairegos, continuando coa súa programación, organiza a acto de presentación de “O LIBRO NEGRO DA LINGUA GALEGA”, de CARLOS CALLÓN (Doutor en Estudos Linguísticos e Literarios do Galego e do Portugués).
O acto terá lugar o xoves 4 de abril de 2024, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, e será presentado por Marisa Barreiro, presidenta do Iescha. (ENTRADA LIBRE ATA COMPLETAR AFORO)
O LIBRO NEGRO DA LINGUA GALEGA.- Por vez primeira un libro céntrase en recoller e explicar testemuños da represión lingüística en Galiza ao longo dos séculos, coa divulgación de moitos documentos pouco ou nada coñecidos. Nas súas páxinas abordamos a crueldade dos castigos nas escolas por falar na lingua prohibida, acreditados desde 1543 até 1980: vareadas, de xeonllos sobre garavanzos, pedras nos petos, o método do anel etc. Abrimos un camiño para o estudo das multas franquistas por “hablar al público en gallego» e das inspeccións por «exagerado acento gallego”. Revoltámonos coa profanación da lápida de Alexandre Bóveda para lle castelanizaren o nome e publicamos regulamentos escolares inéditos que perseguían o galego no século XVIII. Detémonos na negativa do Consejo de Castilla a autorizar un libro en galego en 1616. Vemos como o director da Real Biblioteca española no Setecentos decidiu non imprimir as “Cantigas de Santa María” por achar «extravagancia y mal gusto» a poesía en galego. Asistimos a queimas de libros e mesmo nos abraiamos ao saber que millares de cartas do padre Sarmiento acabaron como papel hixiénico. Ollamos o caso do taxista que perdería o traballo se en 48 horas non rotulaba “Rianjo” no seu vehículo e lembramos que en 1980 o Ministerio de Educación expedientaba e exhortaba a «repudiar» o profesorado que ensinaba en galego sen cobertura legal. Debruzámonos sobre estas e outras 1001 noites de pedra para así podermos entender como chegamos até aquí e como podemos gañar o futuro para a lingua que nos une.
CARLOS CALLÓN (Ribeira, 1978) é profesor de Xeografía e Historia no Instituto Español de Lisboa e doutor en Estudos Lingüísticos e Literarios do Galego e do Portugués. Presidiu durante doce anos A Mesa pola Normalización Lingüística, entidade da que asume agora a presidencia de honra.
Publicou varios ensaios sobre o idioma galego, entre os que podemos citar Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, Galegocalantes e galegofalantes, e O libro negro da lingua galega. No xénero lírico, o seu último traballo dado ao prelo é A abertura da boca.
No campo dos estudos LGBT, publicou o estudo Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media (premios Vicente Risco e Fervenzas Literarias), a primeira antoloxía de poesía homoerótica galega (Da sátira ao orgullo), elaborou roteiros sobre a diversidade LGBT na historia de Santiago de Compostela e leccionou cursos para docentes sobre a homosexualidade na literatura.