
- Este evento pasou.
PRESENTACIÓN DO LIBRO DE MARÍA XOSÉ LAMAS “DEBUXOS CON PALABRAS”, NA CASA DA CULTURA DE VILALBA – 22-12-22, 20:00 H.
22/12/2022 @ 20:00 - 21:30

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA) e Nova Poesía Guitírica (NPG), coa colaboración de Ir Indo Edicións e a do Concello de Vilalba, organizan o acto de presentación do libro “DEBUXOS CON PALABRAS”, do que é autora MARÍA XOSÉ LAMAS.
O acto terá lugar o xoves 22 de decembro de 2022, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, e contará con Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA; Xelasio Sánchez, de Ir Indo Edicións; Antón de Guizán, de Nova Poesía Guitírica-NPG, e coa propia autora do libro, Mª Xosé Lamas.
DEBUXOS CON PALABRA, de Mª Xosé Lamas
ISBN 978-84-7680-765-1
IR INDO EDICIÓNS
“Unha das miñas mellores experiencias no meu labor como docente foi a realización de obradoiros literarios, sobre todo poéticos, co alumnado de Educación Primaria. De aí que sentira a necesidade de elaborar un poemario que, dunha banda, servira de referente ás e aos docentes que decidiran levar a cabo esta actividade e, doutra, para que o alumnado que o tivera nas mans se sentira partícipe na autoría dando cor ás ilustracións -nun primeiro momento- mais tamén co fin de que se decatara do doado que é plasmar a observación, o pensamento ou os sentimentos de xeito poético.
Agardo que esta obra acade os obxectivos para os que foi escrita.” (María Xosé Lamas)
María Xosé Lamas, nada en Vilalba en 1961, é unha escritora galega.
Diplomada en Profesorado de Primaria, Licenciada en Filosofía e Ciencias da Educación, Postgrao en Educación Musical, Grao Elemental en piano do Conservatorio Profesional Municipal de Vilalba no que continúa estudos de Grao Medio, é profesora de Educación Musical no CEIP M. Mato Vizoso de Vilalba
Dende 1979 participa no ámbito do teatro afeccionado, como actriz en diversas producións, como autora de máis dunha vintena de obras, a maioría estreadas, así como realizando traducións e adaptacións; e dirixindo diversas compañías: Grupo de teatro da A.C. Monseivane, Centro Dramático Vilalbés e Escola de Teatro do CDV (dende 1999). Así mesmo, leva a cabo diversas actividades no eido da pedagoxía teatral, a cargo de programas de teatro escolar con alumnado de educación infantil, primaria e secundaria. (gl.wikipedia.org)