- Este evento pasou.
PRESENTACIÓN DO LIBRO “SEMENTE DE MENCER. OBRA POÉTICA I. VOLUMES EDITADOS 1970-2006”, DE DARÍO XOHÁN CABANA, CON ALEXANDRA CABANA, CHEMA FELPETO E HENRIQUE ALVARELLOS. 21/05, ÁS 20:00, NA CASA DA CULTURA

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza o acto de presentación do libro “SEMENTE DE MENCER. Obra poética I. Volumes editados 1970-2006”, de DARÍO XOHÁN CABANA, con edición, estudo e notas de Anxo Angueira. Publicado por Alvarellos Editora, dentro da colección Rescate.
O acto contará coa participación de Alexandra Cabana, Chema Felpeto e Henrique Alvarellos, e terá lugar o xoves 21 de maio de 2026, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.
SEMENTE DE MENCER
Baixo o título de Semente de mencer publicamos toda a obra poética, editada en libro en vida do autor, de Darío Xohán Cabana (Roás, 1952-Romeán, 2021). Un coidado volume de 746 páxinas, en capa dura, dentro da nosa colección Rescate. E nunha edición, estudo e notas a cargo de Anxo Angueira.
Reúne os quince libros publicados en vida do autor, dende Verbas a un irmao (1970) ata Cabalgada na brétema (2006). Ademais, aporta un apartado gráfico que percorre a vida de Darío Xohán Cabana a través de fotografías, manuscritos e capas históricas dalgún dos seus títulos. (alvarelloseditora.gal)
