O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a PRESENTACIÓN do libro “Vidas e historias LGBT da Idade Media”, de CARLOS CALLÓN, publicado por Edicións Xerais.
Intervirán no acto: Carlos Callón e Marisa Barreiro.
A presentación levarase a cabo o martes 29 de abril de 2025, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba
Vidas e historias LGBT da Idade Media
Sinopse: Neste libro analízase a evolución da diversidade LGBT ao longo da Idade Media, centrándose sobre todo en documentación galega e portuguesa, que ofrece información crucial nunha dimensión europea. Abórdanse nas súas páxinas diferentes relatos e retratos que quebran o que podiamos pensar sobre esa etapa: o matrimonio máis antigo entre homes de que conservamos documento na Península (entre Pedro Díaz e Munio Vandílaz, en 1061) o «amor» entre Sancha Pérez e Maria Leve na Compostela do século XIII a existencia dun santoral LGBT arraigado na Galiza medieval (con figuras como Paio e Adaúlfo, e tamén co «santo atrevimento» trans de Esmerado ou Uxío) varios casos de modificacións de manuscritos para que non se vise neles textos gays ou lésbicos (por exemplo, unha cantiga de amiga entre dúas mulleres) o momento en que o cristianismo empurra un novo pecado sexual, inexistente nos seus mil primeiros anos de historia o uso da homofobia como arma política por parte de Afonso o Sabio contra o casal que formaban o adiantado maior do reino de Galiza e o adiantado maior do reino de León… Estas, e moitas máis, son vidas e historias que aínda hoxe nos apelan, que aínda hoxe nos explican.
CARLOS CALLÓN (Ribeira, 1978) é profesor de Xeografía e Historia no Instituto Español de Lisboa e doutor en Estudos Lingüísticos e Literarios do Galego e do Portugués. Presidiu durante doce anos A Mesa pola Normalización Lingüística, entidade da que asume agora a presidencia de honra.
Publicou varios ensaios sobre o idioma galego, entre os que podemos citar Como falar e escribir en galego con corrección e fluidez, Galegocalantes e galegofalantes e O libro negro da lingua galega. No xénero lírico, o seu último traballo dado ao prelo é A abertura da boca.No campo dos estudos LGBT, á parte do libro que se presenta neste acto, publicou o estudo Amigos e sodomitas. A configuración da homosexualidade na Idade Media (premios Vicente Risco e Fervenzas Literarias), a primeira antoloxía de poesía homoerótica galega (Da sátira ao orgullo), elaborou roteiros sobre a diversidade LGBT na historia de Santiago de Compostela e leccionou cursos para docentes sobre a homosexualidade na literatura.
Entrada de balde ata completar aforo