O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración co Concello de Vilalba, organiza a exposición INSTANTES, con debuxos de CARMEN CABANEIRO e fotografías de DELACOMBA, que se inaugurará o venres 27 de maio de 2022, ás 19:00 horas, na sala de exposición do AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA.
A mostra poderá ser visitada no horario oficial de apertura do Auditorio dende o día 27 de maio ata o 30 de xuño.
“Instantes” é unha mostra de fotografía e debuxo que consta de 32 trípticos (cada un deles con unha fotografía de delaComba, un debuxo a grafito de Carmen Cabaneiro e un elemento natural da Chaira), e 8 sanguinas de Carmen Cabaneiro. En total 40 pezas que tematicamente xiran ao redor do presente e a biodiversidade.
Instantes de presente pleno, só un segundo de vivencia auténtica, lonxe do eterno pasado-mañá en que vivimos habitualmente. Luz repentina que nos abstrae de todo, que nos leva máis aló a un lugar sen nome. Vivir o momento implica aceptar todo o bo e o malo que se nos poida presentar. Implica ser máis conscientes do acontecer que nos rodea e do noso propio interior. Para nós a arte é unha forma fundamental de habitar a vida, de anclarnos nela e superar os problemas e adversidades que ás veces ten… A beleza que nos rodea na Chaira pode ser unha chamada á nosa sensibilidade para ser máis conscientes da necesidade de activar os sentidos e vivir ese presente fugaz.
Ao mesmo tempo reivindicar a Natureza e a súa fuxitiva integridade nestes tempos de extinción masiva, de espolio do noso patrimonio natural e do inmenso sufrimento que provocamos ós animais reducindo o seu habitat cada día ata enfrontalos a unha loita terrible pola supervivencia. Ser conscientes delo lévanos a querer facer algo ainda que sexa testemuñal para concienciármonos da fortuna que supón compartir a terra con outros seres vivos e da necesidade de estimular a sensibilidade para poder protexelos. A acción humana está tendo fatais consecuencias no cambio climático e a desaparición da biodiversidade, unha traxedia que nos incumbe directamente a todxs e que en pouco tempo nos afectará tamén ós humanos.
Interpretar o silencio para poder sentir esa beleza, a alegría máis tamén a tristeza. Vivimos un mundo rápido, moi rápido, que nos arrastra con vértixe hacia algo que non é vida, que nos deshumaniza e nos rouba a nosa esencia. Hábitos que crean problemas de todo tipo e nos distancian da felicidade. Mundo global sen tempo para un mesmo, para atender as necesidades do ánimo e ás carencias creativas que toda vida humana ten. Rexenerarse e vivir o presente, tan fuxitivo, nas nosas vidas. Dialogar co entorno e tamén con aquilo que levamos dentro. Focalizar a nosa atención no momento que vivimos agora mesmo desprazandoa dos acontecementos de onte ou dos que poden vir mañá. Para nós un dos mellores camiños é seguir a beleza que nos rodea e que aquí na Chaira está por todas partes. As follas e frores desta exposición forón collidas este outono a carón do Azumara e son un mostra ben pequena do que nos perdemos cada día se non vemos o que nos mostran, tanto bo como malo.