
O Instituto de Estudos Chairegos, en conmemoración do XXV aniversario da súa fundación, organiza a Exposición RETRATOS, unha colección de cadros pintados polo artista vilalbés Pedro Cabarcos.
A inauguración terá lugar o vindeiro xoves 20 de novembro, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba, e permanecerá aberta ao público ata o 16 de xaneiro de 2025, no horario habitual de apertura do Auditorio.
Esta exposición confórmana 25 retratos de persoas vencelladas á Terra Chá e, dalgún xeito, tamén ao Iescha. A calidade artística do pintor, Pedro Cabarcos, xunto coa significación das persoas representadas (considerando que moitas máis das que están poderían ser), motivaron a organización desta exposición conmemorativa do XXV aniversario do Iescha, que pretende ser unha homenaxe ao compromiso cultural e á traxectoria compartida.
Pedro Cabarcos Quintela.- Nace en Vilalba no ano 1955. É veciño de Viveiro onde ten a súa residencia.
Licenciado en Historia da Arte pola Complutense de Madrid, Profesor de Debuxo de Ensino Secundario, leva varias décadas dedicado ao ensino.
O retrato é unha das súas grandes paixóns, nas que non deixa de experimentar continuamente, moi influído, tal e como el mesmo recoñece, pola súa formación académica en Historia da Arte, aínda que non deixa de traballar na paisaxe a “plein air”.
O seu traballo xa foi recoñecido recentemente nunha das máis prestixiosas institucións do mundo como é a “Portrait National Gallery de Londres” que en 2019 seleccionou a súa obra “Ana” para pasar á fase final do BP Portrait Award da propia National Gallery no 2020.
En 2024 gana o premio da Fundazione Amadeo Modigliani de Roma co seu cadro Esperanza.
ENTRADA DE BALDE
