HISTORIA

Nacemento

O Instituto de Estudios Chairegos xermola nun parladoiro entre amigas e amigos, en pleno corazón da Chaira, no lusco e fusco do verán do ano 2000. Fálase da necesidade de creación dunha entidade cultural de ámbito chairego que permita coñecer mellor a nosa comarca e posibilite a súa maior presenza pública. Non se comparte a concepción abusivamente restritiva do concepto de cultura que a identifica coa lectura e a escritura. Pénsase que hai manifestacións culturais tan respectábeis coma esas e que deben ser obxecto de investigación e recuperación: a fermosa arquitectura rural feita por canteiros moitas veces iletrados (cruceiros, cruces, petos de ánimas…), a música tradicional, a arte dos máis variados oficios (zoqueiros ou cesteiras, oleiros ou elaboradoras de queixos), a literatura oral (lendas, contos, cantigas, refráns, adiviñas, ditos), etc. Téimase nunha ampla concepción cultural que conxugue investigación científica actual e respecto polas tradicións, formulando un proxecto sociocultural que busca revalorizar o papel da nosa bisbarra no conxunto da cultura galega. Neste contexto de diálogo e de consenso nace o Instituto de Estudios Chairegos, que paseniñamente se vai facendo realidade en xuntanzas posteriores.

Fins

O Instituto de Estudios Chairegos “Pena do Encanto” ten fixados como fins nos seus Estatutos: a investigación, o estudo, a conservación, a defensa e a difusión da Cultura Galega, especialmente no que se refire á lingua, á historia e ás tradicións de Galicia, en xeral, e da Terra Chá, en particular.

Obxectivos

Para unha maior claridade dos fins propostos, exprésanse máis concretamente nos obxectivos seguintes:

  • Conservación, custodia e difusión pública de materiais e mostras etnográficas e artesanais.
  • Promoción, estudio e divulgación do Camiño Norte de Santiago.
  • Labor de concienciación diante de autoridades e particulares sobre a axeitada protección do patrimonio natural e histórico-artístico.
  • Relación particularizada cos centros de ensino da Terra Chá coa finalidade de motivar aos estudantes na importancia da conservación e divulgación do patrimonio cultural.
  • Confección dun mapa histórico-etnográfico da Terra Chá no que conste a identificación de todos os monumentos.
  • Elaboración dun inventario de elementos do patrimonio histórico-artístico relacionados co Camiño Norte de Santiago nos seus itinerarios dente Ribadeo até Melide e Arzúa.
  • Elaboración dun censo patrimonial da Terra Chá coa relación nominal de todas as construcións, conxuntos histórico-artísticos, naturais e paisaxísticos relacionados co ámbito de estudio do IESCHA.
  • Recuperación de publicacións periódicas, do patrimonio audiovisual e de calquera outro de interese para a cultura chairega.

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad