HOMENAXE A RAMÓN CHAO. PROXECCIÓN DE “O CAMIÑO DE RAMÓN CHAO. CON IRIA CASTRO, MONCHO PAZ E ASER ÁLVAREZ. 1-09-24, ÁS 19:00 H., NO AUDITORIO

domingo 1 de setembro de 2024, ás 19:00 horas, no AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA, nun acto organizado polo Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración da Asociación Amigos de Prisciliano, terá lugar un acto de HOMENAXE A RAMÓN CHAO coa proxección do documental O CAMIÑO DE RAMÓN CHAO. TRALAS PEGADAS DE PRISCILIANO, do director de Celanova ASER ÁLVAREZ. 

No mesmo acto levarase a cabo tamén a presentación do libro co mesmo título, e no que intervirán: IRIA CASTRO, MONCHO PAZ E ASIER ÁLVAREZ.

O Camiño de Ramón Chao. Tralas pegadas de Prisciliano

Están separados no tempo por 1.600 anos pero comparten valores e filosofía de vida. A rebeldía e o inconformismo de dous galegos que traballaro n por unha sociedade máis xusta e igualitaria e que acreditaban que outro mundo era posible.

Por unha banda, Prisciliano, o heterodoxo que viviu no século IV e que tan ben sintonizaba co pobo galego, combinando os cultos precristiáns e os saberes druídicos co cristianismo primitivo, denunciando a corrupción da xerarquía eclesiástica. E que precisamente por iso morreu decapitado, acusado de herexía, en Tréveris (Alemaña) no ano 385.

E por outra banda, Ramón Chao, o neno prodixio do piano, xornalista, escritor e intelectual, nado en Vilalba (Lugo) en 1935, infatigable activista cultural e político, que coordinou durante décadas a sección hispana e lusófona de Radio France Internacionale, autor de memorables libros e artigos e creador do premio Juan Rulfo, que morreu en 2018 e cuxas derradeiras teimas foron Prisciliano e o movemento altermundialista.

Sinopse:
Este proxecto creativo segue o percorrido que realizou coa súa moto o xornalista e escritor Ramón Chao para a elaboración da súa novela Prisciliano de Compostela por diversos lugares de Europa nos anos noventa. Nesta road movie, con banda sonora do seu fillo, Manu Chao, coñecemos os familiares e amigos do autor e descubrimos a mítica figura de Prisciliano, un bispo galaico que morreu decapitado en Tréveris (Alemaña) no século IV por herexe.

FICHA TÉCNICA.- O CAMIÑO DE RAMÓN CHAO. TRALAS PEGADAS DE PRISCILIANO (2023)

Aser Álvarez
España / 63 min / Documental / Español, galego

Ficha técnica:
Guión: Aser Álvarez, Antoine Chao
Fotografía: Diego L. Curros e A.A.G.
Edición: Diego López Curros
Produción: Aser Álvarez

Aser Álvarez (Celanova). Licenciado en Ciencias Políticas e Xornalismo, mestrado de El País e especialista universitario en comunicación audiovisual, traballou en prensa, radio e televisión. Tamén comisariou proxectos expositivos multimedia e editoriais e realizou contidos para televisión e publicidade, cos que obtivo o Mestre Mateo ao Mellor Documental, os premios de xornalismo Xosé Aurelio Carracedo, Xohán Carballeira e o Premio ao Mellor Informativo no I Open Radio do CCCB.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad