A CASA DE ROSALÍA, A CASA DE TODOS OS GALEGOS E GALEGAS
“Un esforzo colectivo que uniu a todas e todos os galegos hai cincuenta anos e que nos debe seguir unindo” foron algunas das palabras que o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, pronunciou hoxe pola tarde na inauguración da exposición “A CASA DE ROSALÍA”, comisariada por Pepe Barro, unha estupenda, atractiva e moi didáctica exposición, promovida pola Fundación Rosalía de Castro, co gallo do medio século da apertura como museo da Casa da Matanza de Padrón, onde a escritora pasou os últimos anos da súa vida.
O vistoso deseño da exposición semella as distintas estancias dunha casa e describe a historia da adquisición, restauración e musealización da Casa da Matanza.
Asistiron en representación das entidades organizadoras e colaboradoras -ademais do xa citado presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira-, Maite Ferreiro, vicepresidenta da Deputación de Lugo; Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, e Elba Veleiro, alcaldesa do Concello de Vilalba.
A exposición está instalada a ceo aberto na praza da Constitución de Vilalba e poderase contemplar ata o 18 de setembro.