MESA REDONDA “MANUEL FRAGA IRIBARNE, NA LUZ E NA SOMBRA”-13/01/23, ÁS 20:00 H.-CASA DA CULTURA DE VILALBA-CON XESÚS PALMOU, LOURENZO FDEZ. PRIETO, AGUSTÍN BAAMONDE E ANTÓN BAAMONDE

O Instituto de Estudos Chairegos organiza o venres 13 de xaneiro de 2023, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, unha MESA REDONDA co título de “MANUEL FRAGA IRIBARNE, NA LUZ E NA SOMBRA”. 

O pasado 23 de novembro cumpríronse cen anos do nacemento de Manuel Fraga Iribarne e o 15 de xaneiro de 2023 vanse cumprir once anos da súa morte.

Bo momento, na opinión da xunta directiva IESCHA, para achegarnos á súa figura cunha mesa redonda, na que catro persoas nos dan unha visión poliédrica da súa vida e obra.

Falarán

XESÚS PALMOU, LOURENZO FERNÁNDEZ PRIETO, AGUSTÍN BAAMONDE DÍAZ e ANTÓN BAAMONDE GARCÍA. 

Moderará o acto BARUK DOMÍNGUEZ.

Manuel Fraga Iribarne foi unha figura destacada no mundo político da segunda metade do século XX: ministro de Información y Turismo na ditadura franquista (1962-1969), vicepresidente segundo e ministro de Gobernación no goberno de Arias Navarro (1975-1976), deputado no Parlamento español (1977-1987) –no que foi unha das sete persoas da comisión redactora da Constitución de 1978-, deputado no Parlamento europeo (1987-1989), presidente da Xunta de Galicia en catro mandatos (1990-2005) e senador –por designación do Parlamento de Galicia (2006-2011).

Catedrático de Dereito Político e de Teoría do Estado e Dereito Constitucional, fundou Alianza Popular e, despois, o Partido Popular, e foi embaixador de España no Reino Unido (1973-1975). 

INTERVEÑEN

Xesús Carlos Palmou Lorenzo, nado en Rodeiro en 1949, é un político de corte conservadora galeguista ligado ao PPdeG. 

É doutor en Dereito, cunha tese sobre a histórica fórmula de relación entre propietarios e caseiros. Comezou a súa militancia no PPdG en 1985, seguindo a liña autonomista e galeguista (proposta de administración única, concepto de autoidentificación…). En 1996 pasou a formar parte da Xunta de Galicia, ao ser nomeado Conselleiro de Xustiza polo seu presidente, Manuel Fraga Iribarne. 

En 1999 foi elixido Secretario Xeral do PPdG, substituíndo a Xosé Cuíña, que estaba á fronte da Consellería de Política Territorial. En xuño de 2003 volve ser nomeqado Conselleiro de Xustiza, mantendo a Secretaría Xeral do Partido. Trala derrota do PPdG nas eleccións autonómicas de 2005, Palmou seguiu no Parlamento de Galicia como deputado da oposición. En 2009 entrou a formar parte do Consello de Contas como conselleiro en substitución de Pedro Puy Fraga. (Fonte: Wikipedia)

Lourenzo Fernández Prieto, nado en Vilagoíz (A Devesa, Ribadeo) o 28 de maio de 1961, é un historiador galego. En 2021 foi elixido membro da Real Academia Galega.

É catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela desde 2005. Foi secretario do IDEGA entre 1992 e 1995 e pertence ao seu Consello Científico. Elixido en varios períodos, desde 1986, membro do Claustro e da Xunta de Goberno da USC, así como do Consello Universitario de Galicia. Vicerreitor de relacións institucionais da USC entre 2007 e 2010. Na actualidade é director do departamento de Historia Contemporánea da universidade compostelá e membro do consello de administración da Editorial Galaxia. Colabora habitualmente en diversos medios de comunicación do país. 

Dirixe o Proxecto interuniversitario Nomes e Voces, dedicado á investigación da represión franquista en Galicia,[2] e o Grupo de historia agraria e política do mundo rural da USC (Histagra). Dende 1995, forma parte do General Board da rede europea ESTER (European School for Training in Economic and Social historical Research), responsábel da formación de estudantes de doutoramento. En maio de 2010, concorreu con outros seis candidatos á reitoría da USC, proceso no que pasou á segunda volta. (Fonte: Wikipedia)

Agustín Baamonde Díaz, nado en Vilalba o 8 de maio de 1950, é un avogado e político galego do PPdeG.

Licenciado en dereito pola USC. 

Concelleiro en Vilalba, en 1987 foi nomeado Primeiro tenente de alcalde. O 22 de xaneiro de 1990 foi elixido alcalde en substitución de José María García Leira. Presentouse ás eleccións municipais de 1991 encabezando a candidatura do PPdeG e foi elixido alcalde por maioría absoluta. Continuou como alcalde nas sucesivas eleccións, sempre con maioría absoluta, ata o 12 de maio de 2005 que deixou o cargo ao ser elixido deputado no Parlamento de Galicia. Foi deputado provincial(1991-2005). O 2 de novembro de 2016 substituíu a Gerardo Criado Guizán na alcaldía de Vilalba. Nas eleccións municipais de 2019 foi sucedido na alcaldía por Elba Veleiro, do PSdeG. (Fonte: Wikipedia)

Antón Baamonde García, nado en Vilalba o 1 de marzo de 1959, é un profesor de filosofía e ensaísta galego.

Estudou o bacharelato no Instituto da súa vila natal e Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela. É profesor de Filosofía nun Instituto de Santiago de Compostela. Colaborador habitual en diversos medios de comunicación escritos (La Voz de Galicia, La Opinión, A Nosa Terra, El País), radiofónicos (Radio Galega, SER) ademais de en revistas como Galicia Internacional, Agália ou Grial.  Formou parte do Consello de redacción da revista Luzes de Galiza, xunto con Lino Braxe, Xavier Seoane e Manuel Rivas e foi coordinador do “Foro Luzes de Galiza” que se distinguiu por dar á luz unha serie de manifestos que enfocaron Galicia a outra luz distinta da do conservadorismo non só gobernamental. É membro da Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, do Consello Asesor da Fundación Carlos Casares e do Padroado de RadioFusión, a entidade que engloba as emisoras municipais galegas. (Fonte: Wikipedia)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad