A mesa redonda que organizou o IESCHA na noite deste venres e na que participaron representantes de catro entidades vilalbesas do ámbito SOCIAL: Fundación Hospital Asilo, Centro Sociocomunitario, Centro Ocupacional e Servizo de Axuda no Fogar-SAF, foi sen dúbida un acto completísimo que superou sobradamente as expectativas iniciais.
Carlos López Eimil, José Antonio Pita Paz, Juan Rico Andión e Marta Rouco Seoane, representantes respectivos das catro entidades antes citadas, e presentados por Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA, foron expoñendo de xeito pormenorizado as distintas características e as variadas funcións propias de cada institución.
A aportación de datos, as precisas descricións dos diferentes servizos ou a sensibilidade mostrada polos participantes durante as súas intervencións foron algunhas das características destacadas do acto, onde cada representante quixo poñer en valor, tamén, o carácter polivalente de cadansúa entidade, cun fin promordial en todas elas: mellorar a vida dos usuarios.
Unha mesa redonda, en fin, na que se abordaron cuestións moi relevantes para a sociedade en xeral e Vilalba en particular, facendo un recoñecemento explícito ao traballo desenvolvido por cada unha delas.
Dende o IESCHA só nos queda agradecer a CARLOS, JOSÉ ANTONIO (con forte aperta incluída!), JUAN e MARTA a súa inestimable e brillante aportación ao acto poñendo de manifesto o arraigamento que estas institucións teñen na comarca e o seu compromiso coa mellora da calidade de vida das persoas.
Moitas grazas tamén ao público que, en bo número, acudiu a presenciar o acto.
Como colofón, deixámosvos unha frase de Juan, participante na mesa: “O Centro é unha das razóns para erguerme día a día”.
Dito queda.