NO XX ANIVERSARIO DA TOMA DE POSESIÓN DE MANUEL MARÍA NA RAG O IESCHA SOLICITA DE NOVO AO CONCELLO QUE A CASA DE CULTURA LEVE O NOME DE MANUEL MARÍA

Hai 20 anos, un 15 de febreiro de 2003, a Real Academia Galega celebraba sesión extraordinaria pública de recepción como membro numerario de Manuel María Fernández Teixeiro. O acto, lembremos, levouse a cabo no Auditorio Municipal de Vilalba por expreso desexo do propio Manuel María, e no que o Iescha participou activamente.

Hoxe, vinte anos despois, o Instituto de Estudos Chairegos quere conmemorar dita efeméride co envío á Sra. Alcaldesa do Concello de Vilalba do escrito que reflectimos a continuación e no que solicitamos, unha vez máis, que definitivamente a CASA DA CULTURA DE VILALBA leve o nome de MANUEL MARÍA.

O Instituto de Estudos Chairegos, ao abeiro da ordenanza núm. 50 (Regulamento Especial de Honras, Distincións e Protocolo Cerimonial do Concello de Vilalba), co gallo da celebración do vixésimo aniversario do nomeamento e da recepción de Manuel María Fernández Teixeiro como membro numerario da Real Academia Galega:

CONSIDERANDO a fonda relación que Manuel María mantivo sempre con Vilalba, tanto no plano persoal canto na súa faceta literaria, dedicando unha parte da súa obra á capital chairega e á súa riqueza patrimonial, paisaxística, gastronómica, sociolóxica, poética, etc.

CONSIDERANDO que Manuel María é o valedor por excelencia da nosa bisbarra, á que cantou na súa maxistral obra “Terra Chá”, e unha das figuras máis sobranceiras das letras galegas da segunda metade do século XX.

CONSIDERANDO que a traxectoria de Manuel María, a súa categoría moral e persoal, a súa significación no eido cultural, o seu vencello con Galiza, coa Chaira e con Vilalba, fano merecente, tal que regula a norma, “do agradecemento e da gratitude” do pobo vilalbés en recoñecemento ao seu compromiso coa Terra, coa Lingua e coa Cultura do noso país.

CONSIDERANDO que corresponde á institución municipal, representante legal da totalidade da veciñanza, a responsabilidade da distinción e que sería unha boa mostra de correspondencia co bardo chairego por canto deixou acreditado.

REITERA as peticións realizadas ao Concello de Vilalba dende hai xa dúas décadas para que a Casa da Culturada nosa vila perpetúe o nome de MANUEL MARÍA.”

Vilalba, 15 de febreiro de 2023

XUNTA DIRECTIVA DO IESCHA

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad