
Culminando a programación prevista para este mes de febreiro co gallo da homenaxe a ROSALÍA DE CASTRO, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a CONFERENCIA de MARTIN PAWLEY: “O CEO DE ROSALÍA”. A presentación correrá a cargo da presidenta do Iescha, Marisa Barreiro.
O acto levarase a cabo o venres 28 de febreiro de 2025, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba
O CEO DE ROSALÍA
O 17 de decembro de 2019 a Unión Astronómica Internacional designou oficialmente Rosalía de Castro unha estrela na constelación do Serpentario grazas a unha campaña promovida pola Agrupación Astronómica Coruñesa Ío e apoiada pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda e a Fundación Rosalía de Castro. Pasaron, pois, cinco anos dende que a nosa autora nacional ten un cuarto propio no Universo. Celebramos este aniversario e o Día de Rosalía con este relatorio a cargo de Martin Pawley co título “O ceo de Rosalía” no que aprenderemos un pouco máis de astronomía a partir dos textos da escritora.
MARTIN PAWLEY (A Coruña, Galicia, 1974) é crítico (Nós Diario, Caimán Cuadernos de Cine, blog Acto de primavera), programador e produtor de cinema (“Costa da Morte” de Lois Patiño, 2013). Como divulgador científico especializado en astronomía colaborou en diversos programas de radio e dende 2019 publica un artigo sobre contaminación luminosa cada mes na revista Astronomía. Gañou o premio da Federación de Asociaciones Astronómicas de España ao mellor divulgador astronómico en 2018. É membro dende 2002 da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, entidade gañadora dunha mención de honor nos Premios Prismas da Casa das Ciencias en 2020, o Premio Rosalía de Castro de lingua da Deputación da Coruña en 2021 e o Premio da Crítica de Galicia na categoría de Iniciativas Culturais e Científicas en 2023.
ENTRADA DE BALDE ATA COMPLETAR AFORO

[…] DE CASTRO, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a CONFERENCIA de MARTIN PAWLEY: “O CEO DE ROSALÍA”. A presentación correrá a cargo da presidenta do IESCHA, Marisa […]