
Dentro da programación prevista para este mes de febreiro co gallo da homenaxe a ROSALÍA DE CASTRO, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a PALESTRA de XOSÉ LUÍS AXEITOS: ‘Rosalía de Castro, na nobre tarefa de “narrar a nación” ‘. A presentación correrá a cargo da presidenta do Iescha, Marisa Barreiro.
O acto levarase a cabo o xoves 20 de febreiro de 2025, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba
“A obra literaria e periodística de Rosalía de Castro, entre outras moitas posibilidades de lectura, significa tamén a responsabilidade de narrar a nación.
No clima de exaltación nacionalista provocado polas guerras napoleónicas en Europa, era imprescindible exhumar todos os argumentos históricos para demostrar o carácter nacional das pequenas culturas denominadas “ahistóricas” como Galicia. Neste contexto, Murguía será a principal referencia para este proxecto que se inicia a finais da década de 1850. Rosalía, que comeza a súa relación con Murguía en 1857, formará parte desde o primeiro momento do grupo que se responsabiliza de dotar a Galicia dunha estrutura historiográfica capaz de avalar a súa aspiración para converterse en Estado. A literatura e a cultura popular eran aspectos moi importantes neste proxecto e Rosalía asumirá esta responsabilidade.”
Xosé Luís Axeitos Agrelo (Asados, Rianxo, 1945), estudou Filosofía e Letras en Santiago de Compostela e licenciouse en Filoloxía Románica na Universidade de Salamanca onde foi alumno do profesor don Xosé Luís Pensado, é catedrático xubilado de lingua e literatura española.
Pertence á Real Academia Galega como membro numerario desde o 30 de outubro de 2004, data en que leu o discurso de ingreso A Academia no discurso exílico de Luís Seoane, que foi contestado en nome da institución por don Xesús Alonso Montero.
Publicou numerosos libros entre os que destacan: As coplas galegas do P. Sarmiento, Ediciós do Castro, 1982. (reedición, 2002); Cartas del Padre Sobreira a Gómez de Ortega y Cornide, en colaboración con J. L.Pensado, Ediciós do Castro, 1983; Antoloxía da poesía galega erótica e amatoria, Ediciós do Castro, 1988; Descripción circunstanciada de la costa de Galicia…, Ediciós do Castro, 1991; Manuel Antonio, Poesía galega completa, Sotelo Blanco, 1992; A poética de Manuel Antonio, Edicións do Cumio, 1993; Luís Seoane e o libro galego na Arxentina, catálogo da exposición, Deputación da Coruña, 1994; Rafael Dieste, Obra galega completa, Galaxia, 1995; Rafael Dieste. Ollar o mundo con sede adiviñadora, Espiral Maior Didáctica, 1995; Rafael Dieste, Obras Completas V. Epistolario, Ediciós do Castro, 1995; E. Fernández Sendón “Fersen”. Memoria e antoloxía dun republicano galego, (en colaboración con Uxío Bobillo), Ediciós do Castro, 1996; Manuel Antonio, A Nosa Memoria, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, 2000; Manuel Murguía. Vida e obra. (en colaboración con X. R. Barreiro Fernández), Xerais, Vigo, 2000; Lorenzo Varela, Poesía Completa, Biblioteca del exilio, Ediciós do Castro, 2000; Lorenzo Varela, Ensayos, conferencias y otros escritos, Biblioteca del exilio, Ediciós do Castro, 2001; Cartas a Murguía I, (en colaboración con X. R. Barreiro Fernández), Fundación Barrié de la Maza, 2003; O exilio galego: un mapa de cicatrices, Ediciós do Castro, Sada, 2003.
Do seu abondoso e frutífero labor investigador dan mostra os seus moitos artigos publicados en revistas como Boletín Galego de Literatura, Ínsula, Verba, A Trabe de Ouro, Grila, Zurgai, Citania, Serta, etc. (https://academia.gal/membro/-/membro/xose-luis-axeitos-agrelo
[…] DE CASTRO, o Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a PALESTRA de XOSÉ LUÍS AXEITOS: Rosalía de Castro, na nobre tarefa de “narrar a nación”. A presentación correrá a cargo da presidenta do Iescha, Marisa […]