
O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, e dentro dos actos programados no mes das LETRAS GALEGAS’25, dedicadas este ano á POESÍA POPULAR ORAL, organiza a PALESTRA “AS DE MENS. A ORALIDADE INVISÍBEL TORNANDO VISÍBEL”, impartida por BEATRIZ BUSTO MIRAMONTES, Mestra Especialista en Educación Musical pola Universidade de Vigo (2003), Licenciada en Historia e Ciencias da Música (2006) e en Antropoloxía Social e Cultural (2008) pola Universidade Autónoma de Madrid, E Doutora en Antropoloxía Social e Cultural da USC e escritora.
O acto terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba o venres 9 de maio de 2025, ás 20:00 horas, e contará tamén coa actuación do grupo LAMBE LAMBE.
Presentación a cargo de Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.
A entrada será de balde ata completar aforo.
BEATRIZ BUSTO MIRAMONTES (Santiago, 1979) é Mestra Especialista en Educación Musical pola Universidade de Vigo (2003), Licenciada en Historia e Ciencias da Música (2006) e en Antropoloxía Social e Cultural (2008) pola Universidade Autónoma de Madrid. Doutorouse en Antropoloxía Social e Cultural pola mesma universidade cunha tese doutoral titulada “La Galicia proyectada por NO-DO. La arquitectura del estereotipo cultural a partir del uso del folclore musical (1943-1981)”, investigación que se inscribe no universo teórico da Etnomusicoloxía, da Antropoloxía de Xénero, Antropoloxía Audiovisual, Antropoloxía política, Antropoloxía do Patrimonio e osEstudos Decoloniais.
O seu percorrido investigador céntrase na análise da construción cultural da Galiza a partir do uso e invención do folclore musical no franquismo, facendo especial fincapé no estudo do estereotipo como dispositivo narrativo do poder sobre o patrimoniomusical galego e sobre como dialoga esa representación nos procesos de autoafirmación identitaria da sociedade galega contemporánea.
Entre o 2019 e o 2024 foi profesora de Antropoloxía na Universidade de Santiago de Compostela e agora é profesora da Área de Antropoloxía Social da Universidade da Coruña. Ten participado de numerosos eventos de carácter científico así como participado en publicacións académicas e de divulgación coa finalidade de transferir coñecemento para a sociedade galega. Tamén ten formado parte, como antropóloga aplicada, de equipos técnicos asesores arredor do patrimonio galego e de diagnose sociocultural nos procesos de patrimonialización.
É autora do libro Um pais a la gallega. Galiza no NO-DO franquista publicado por Através Editora (2021), obra coa que obtivo o Premio Follas Novas do Libro Galego 2022 na categoría de Ensaio e Investigación. Tamén é autora do libro Pandereteiras de Mens, editado pola aCentral Folque (2021), traballo etnomusicolóxico galardoado co 1º premio na categoría de Investigación na XIII Edición dos Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación da USC. Este estudo propiciou, asemade, que a Real Academia da Lingua Galega considerase as mulleres de Mens para a personificación (xunto con outras) da homenaxe polo Día das Letras Galegas 2025, dedicada ás mulleres creadoras e transmisoras da poesía popular oral galega. É investigadora da Rede Galabra e froito da súa dobre experiencia e formación é aparticipacións en múltiples congresos, conferencias, mesas debate, entrevistas, xurados profesionais e o recoñecemento técnico profesional e investigador de ambos sectores.
GRUPO DE PANDEIRETEIRAS E CANTAREIRAS LAMBE LAMBE
As Lambe Lambe somos un grupo de pandeireteiras e cantareiras do corazón da Chaira, Vilalba.
Vivimos a música tradicional e traballamos para recuperar e transmitir a cultura ancestral das nosas avoas.
Participamos en distintos festivais e colaboramos co tecido asociativo cultural achegando o tradi a todos os recunchos do país.
Aínda que nos facemos chamar pandeireteiras, non hai instrumento que se nos resista.
Tocamos o que acostumaban a facer soar antigamente nas feiras, ao rematar os traballos do campo, durante os coidados e mantemento do fogar, e tamén nos seráns e foliadas. Cantamos ao ritmo que marcan as cunchas, culleres, pandeiros, latas, pandeiras, tixolas e pandeiretas.
Neste ano que se lle dedican as Letras Galegas ás cantareiras e á poesía popular oral, presentamos un repertorio con réplicas de cantigas das mulleres recoñecidas pola Real Academia Galega.
