Emoción, sentimento, orixinalidade, música, estimulante, entrañable, atraíble, grande aventura de xuventude, experiencia marabillosa, grupo de amigos, Morón indispensable, Vilalba debe sentirse moi orgullosa de ser o pobo de Xorima…
Estas foron algunhas das verbas e frases que se escoitaron na tarde noite deste sábado, no Auditorio Municipal de Vilalba, na pre-estrea do documental XORIMA, de Sofía Naseiro.
Un documental englobado no denominado Proxecto Xorima que naceu precisamente para homenaxear, despois de corenta anos, ao grupo de folk galego Xorima, activo entre 1981 e 1989.
Baruk Domínguez foi o encargado de presentar o acto que contou ademais coas intervencións de Sofía Naseiro, directora do documental, e de Emilio Españadero, director e presentador do programa radiofónico Lume Na Palleira.
Grande aplauso final para este magnífico documental, para a súa directora e… para os integrantes de Xorima.
A organización do evento correu a cargo do Proxecto Xorima e do Instituto de Estudos Chairegos, en colaboración co Concello de Vilalba.
Parabéns a todas as persoas que fixeron posible dalgún xeito este acto así como o maior dos agradecementos a todas as que asistiron ao mesmo.