O Instituto de Estudos Chairegos, continuando coa súa programación, organiza a acto de presentación da novela “BRANCO XIZ TIRANDO A NEGRO”, de XOSÉ MANUEL FELPETO CARBALLEIRA, actor e escritor. O acto terá lugar o venres 22 de marzo de 2024, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, e será presentado por Marisa Barreiro, presidenta do Iescha.
Entrada libre ata completar aforo.
SINOPSE
Un corpo cae ao baleiro, leva un camisón branco cunhas flores azuis e malvas case inapreciábeis, penduran del fitas que fan debuxos deformes asemellando farrapos movidos polo vento coma monstros. Con certa maridanza saúdan o etéreo e inerte espazo na súa vertixinosa caída, coma un monicreque que quixese buligar cos sons dunha grande orquestra. Escoito lamentos, calmos lamentos que se distancian de min mergullados nunha brétema choromiqueira; ruído que non identifico, murmurios afundidos nun resón molesto.
XOSÉ MANUEL FELPETO CARBALLEIRA
“Logo do éxito do seu primeiro libro, O pau de ferro, XOSÉ MANUEL FELPETO CARBALLEIRA (Cabreiros, Xermade, 1961) vén de publicar Branco xiz tirando a negro, a súa segunda novela, de novo coa editorial Tristán, de Lugo. Viviu nas Pontes desde os 14 anos e volveu a Cabreiros cando se prexubilou, hai máis de dez. A súa vida laboral xirou arredor da electrónica e as telecomunicacións, e desde 1985 caeu nas redes do teatro. «Empecei nas Pontes, polas inquedanzas duns cantos artellamos un grupo, era unha época escura para o teatro […]. Chegou un punto no que xa estaba todo feito e coñecín O Aturuxo de Melpómene, de Narón, con xente saída da escola de teatro local, un grupo moi ecléctico e moi creativo. Gústame a súa filosofía de traballo, e con eles busquei e atopei a felicidade do teatro, que empezaba a perder», conta. Leva cerca de catorce anos como actor.
Goza do teatro e devece pola escritura: «Non escribo por cartos, nunca pensei niso, escribo por pracer e porque o necesito. Estar coas miñas cavilacións e botar dúas ou tres horas diante do ordenador é unha terapia para min». Este cinéfilo queríase parece aos protagonistas daquelas escenas do cine clásico «diante da fiestra, coa máquina de escribir e a papeleira chea de papeis». E cumpriu aquel soño.”
(De LA VOZ DE GALICIA, https://www.lavozdegalicia.es/noticia/ferrol/naron/2024/01/08/span-langgl-vida-lola-cabe-nunha-caixa-mistos-e-felizspan/0003_202401F8C6991.htm)