
O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración de Tempo Galiza Editora, organizan o venres 7 de novembro de 2025, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, a presentación do libro “A FRAGA DOS TEIXOS. Uns ferrados de paixón pola natureza”, do que é autor XOSÉ SALVADORES, escritor e ecoloxista.
Intervirán tamén a xeito de conversa, MARISA BARREIRO, presidenta de Iescha, e CHEMA FELPETO, membro da Xunta Directiva do Iescha.
“A fraga dos teixos”
«Deixar cartos para os herdeiros é unha vulgaridade; eu pretendo deixar un bosque de teixos. Un teixegal, porque o teixo é unha das árbores no noso país que máis axuda precisan, porque é deixar biodiversidade que tanto necesita a nosa Terra e o planeta, porque é deixar saúde, porque o que eu poida adiantar plantando é gañar tempo que non se pode comprar nin con todo o ouro do mundo, porque é deixar vida, porque quero que a miña obra dure centos de anos, tantos como vida ten un teixo; porque quero corrixir algo da miña pegada ecolóxica e devolver á terra o que ela me deu, e porque me peta.»
Eis a crónica persoal e apaixonada de Xosé Salvadores de un ano de traballo para restaurar a biodiversidade en 14 ferrados de monte inzados de eucaliptos, nun Caderno de campo que ben pode ser lido como unha amena guía de fauna e flora da Galiza e, especificamente, da Mariña. Mais tamén como un convite para actuarmos en defensa da natureza e do noso medio tan agredido. Mesmo como un exemplo do que pode ser feito con vontade individual e, sobre todo, con planificación institucional e esforzo colectivo.
XOSÉ SALVADORES .- Natural de Lugo, é Enxeñeiro Técnico Agrícola e exerceu de profesor de Debuxo no Ensino Medio. Foi Presidente da Asociación Cultural Lumieira de Carballo na década dos 80. Milita no movemento ecoloxista galego desde os anos 90 a través da Asociación para a Defensa Ecolóxica da Galiza (ADEGA) e fixo parte da Xestora de Nunca Máis. Veu colaborando con Radio Cerna e asiduamente na revista Cerna con artigos de divulgación sobre fauna. Na actualidade é presidente da Fundación Eira, que xestiona o espazo Eira da Xoana e impulsa proxectos e actividades respectuosas e comprometidas coa cultura e medio ambiente galegos.
ENTRADA LIBRE E GRATUÍTA ATA COMPLETAR AFORO
