
O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, dentro dos actos programados no mes das Letras Galegas, organiza o acto de presentación do libro “BEGOÑA OU O PRACER DA AMIZADE. Unha biografia de BEGOÑA CAAMAÑO”, de BEATRIZ MACEDA, publicado por EDICIÓNS XERAIS.
A autora estará acompañada pola escritora MARICA CAMPO.
O acto terá lugar o venres 29 de maio de 2026, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.
BEGOÑA OU O PRACER DA AMIZADE
Beatriz Maceda, nesta biografía novelada, reconstrúe a traxectoria de Begoña Caamaño a través das voces simbólicas de Circe, Penélope, Morgana e Xenebra, catro personaxes míticas que acompañan o percorrido vital da escritora desde a súa nenez en Vigo ata a súa consolidación como referente cultural da Galicia contemporánea.
Xornalista comprometida, activista incansable e escritora de enorme sensibilidade, Begoña Caamaño defendeu ao longo da súa vida valores como a igualdade, a liberdade e a xustiza social, creando ao seu redor vínculos de solidariedade e compromiso colectivo.
Unha obra que reivindica a memoria, celebra a forza da amizade e pon en valor o legado das mulleres que fixeron escoitar a súa voz e a de tantas outras silenciadas.
BEATRIZ MACEDA
Beatriz Maceda Abeleira, naceu na Coruña en 1963. Aos cinco anos vai vivir a Vilalba. Estuda na Escola Universitaria de Maxisterio, Educación Primaria pola especialidade de Lingua Inglesa. Realiza estudos de Posgrao en Orientación Educativa no Instituto Maslow Catell da Universidade de Deusto. No ano 1995 casa e volve vivir na Coruña. Leva exercendo o ensino desde hai 15 anos, e tamén imparte cursos e realiza traballos sobre Ensino Global.
En 2020 entrou na directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.
Despois de publicar relatos en Tempos Dixital, pasou ao álbum ilustrado con títulos como Man. O alemán de Camelle (2012) ou O álbum de Garrincha (2015). Entre as súas obras destacan tamén Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán (2017) e os seus traballos en Xerais: Lúa en Ningures (2019), As sentinelas do silencio (2022), Luísa Villalta. Alma de violino (2023), Teranga (2024), e este que se presenta: “Begoña ou o pracer da amizade”.
Entrada de balde.
