
O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, dentro dos actos programados para este mes de maio, co gallo das Letras Galegas, organiza o venres 30 de maio de 2025, na Casa da Cultura de Vilalba, ás 20:00 horas, a presentación do libro “COMIDA PARA GATOS E OUTRAS DELICATESSEN INDIXESTAS”, do que é autora LUZ DARRIBA, artista e escritora.
Presentará o acto MARISA BARREIRO, presidenta do Iescha.
“Comida para gatos e outras delicatessen indixestas” é a última obra de Luz Darriba, artista e escritora, que conta con varias distincións no ámbito das artes. Este libro é unha recompilación de dez relatos nos que se plasman diferentes temáticas e inquedanzas como poden ser o amor, a frustración ou a soidade.
LUZ DARRIBA naceu en Montevideo, filla da diáspora galega e asturiana. Gozou da Suíza de América ata os quince anos, cando as treboadas azoutaron os lugares máis calmos. En Bos Aires aprendeu a esaxerar o uso da “ye”, a pintar, a debuxar, a facer escultura, gravado, a abrir a porta para ir xogar e a facerse invisible cando os malos deixaron caer, durante case unha década, as súas botas lustradas e os seus sabres afiados.
“…Eu fun unha privilexiada: o gran monstro ignoroume ao seu paso. Só puiden conxecturar a súa maldade e meter a culpa entre os forros do único abrigo que salvei da catástrofe. Pero os bramidos non deixaban lugar a dúbidas. Ao lado da miña casa torturábase”…
Comezou o seu periplo polo mundo, que a afastou, cada vez máis en quilómetros e menos en distancia emocional, daquel sur imaxinado e real ao mesmo tempo. Pariu tres criaturas marabillosas, pintou ata gastar as cerdas dos pinceis, encheu as rúas de varios lugares emblemáticos con iso que ela chama arte urbana social. Recibiu moitos premios, aínda que non os suficientes como para crer neles. Porque, ao final, cada quen é quen é, e por aló abaixo case non floreceron máis ca individuos molestos e antisistema.
Foi quen de construír unha muralla con 659.000 libros e de dotar a Porta de Alcalá dunha efémera biblioteca solidaria. Pero segue a ser a formiguiña uruguaia, como a alcumou o profesor Pérez Esquivel, Premio Nobel da Paz en 1980, porque nada mudou, cando menos para ben. E hai que seguir loitando por todas e todos os que non están, porque si, para que haxa futuro.
Despois de poñer libros en todos os lugares onde llo permitiron, e de forrar prazas con teas para reclamar contra a violencia machista, decidiu que tiña historias que contar en branco sobre negro. Forma parte de TFAP (The Feminist Art Project), do IMOW (International Museum of Women), do Museo das Mulleres de Costa Rica; formou parte do equipo da revista virtual Foeminas, pioneira no Estado en cuestións de xénero; participou na elaboración do Primeiro Plan de Igualdade entre Homes e Mulleres de Lugo e é articulista en diversos medios –sempre para falar de xénero. Foi acumulando premios e exposicións das que Wikipedia dá conta.
E non parou desde que algún irresponsable pronunciou esa odiosa palabra de seis letras que tan pouco se asemella a oportunidade, digan o que digan os orientais. Así que, por favor, non deixedes de lle botar peixe, aínda que é vexetariana, collerao no aire.
Actualmente está a traballar de forma multidisciplinar cos diarios da viaxe da súa nai como polizona xunto co seu pai cara América. Tempos moi duros para as mulleres, tempos moi duros para a vida. (Traducido da súa web luzdarriba.es)
ENTRADA LIBRE E GRATUÍTA ATA COMPLETAR AFORO
