O vindeiro 26 de decembro presentarase na capital chairega o libro Conversas arredor de Xorima, de Paulo Naseiro, editado polo Instituto de Estudos Chairegos. O evento marca o despegue do Proxecto Xorima, un proxecto transmedia que busca homenaxear o grupo de folk Xorima a través de múltiples medios e plataformas, recuperando a súa memoria e reunindo os membros da primeira formación despois de corenta anos.
Xorima foi un grupo revelación no nacente folk instrumental galego dos anos oitenta. Chegaron a actuar nos máis importantes festivais de folk en Galicia e traspasaron as súas fronteiras para acudir a citas como o Festival Intercéltico de Lorient. Do seu paso pola historia do folk galego deixaron pegada nun disco gravado en 1985.