O Instituto de Estudios Chairegos organiza a presentación do libro “A CASA DA TOIA” de Manuel Ferreiro, o sábado 25 de febreiro de 2023, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.
No acto, intervirán o propio autor do libro, Manuel Rubiños Ferreiro, así como a artesá Clara Naseiro e a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro.
Nas noites esquecidas no tempo,
óese unha música en Montenegro
do ar que ouvea coas ánimas,
coas ánimas que choran no vento.
As xentes que alí viven
gardan unha lenda,
coma un segredo,
que fala de vivos e mortos
na vila de Montenegro.
Nas noites de ánimas frías,
cando tolle os ósos o vento,
camiñan as almas en pena,
mesturadas coas luces do ceo.
Os vivos que viron isto
no lles fai falta sustento,
levounos a Santa Compaña
ao amencer hai tempo.
A todos aqueles que viviron na vila murada de Santa María de Vilalba, aos que soñaban cun mundo mellor e aos que os espíritos os levaron nas ás do vento…
Na lembranza da miña avoa Pilar e do meu avó Daniel cos que tantas horas e historias compartín a carón dun lar vello no barrio das Pedreiras.”
Deste xeito se expresa o autor Manuel Rubiños Ferreiro na introdución do libro “A CASA DA TOIA”, que fai o número 30 da Colección Biblioteca Chairega, sendo editado polo IESCHA e financiado grazas ao convenio de colaboración coa Área de Cultura da Deputación de Lugo para o ano 2022.