
O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, dentro dos actos programados para o mes de xuño, organiza a presentación do libro “HOXE TOCA LEIVA?, de LOIS PÉREZ, publicado por EDICIÓNS XERAIS.
O autor estará acompañada pola presidenta do Iescha MARISA BARREIRO.
O acto terá lugar o venres 19 de xuño de 2026, ás 20:00 horas, na Biblioteca Municipal Agustín Fernández Paz de Vilalba.
HOXE TOCA LEIVA?
Sam, encargado do Nautilus, un local de concertos da península do Grove, comeza outro día frenético de traballo logo dunha noite moi intensa. Entre tanto, é vixiado de preto por dous esbirros dun narco da contorna. O propietario do Nautilus acompaña un amigo músico ante un suceso inesperado que poñerá a proba unha amizade complexa. Unha escritora de éxito asiste cunha amiga á rodaxe dunha película baseada nunha novela súa. Alí coñecerán o actor protagonista, quen busca sobrevivir aos seus conflitos interiores. Unha poeta arrastra feridas recentes e dubida se aceptar unha proposta para asistir aos concertos da noite. O pai da escritora, enfermo, fai memoria da súa vida e da militancia política nos últimos setenta. E entre todo isto, un rumor: ese día Leiva actuará na zona. Pero onde?
Esta novela de Lois Pérez soa con música a todo volume e nela cítanse o anhelo, a memoria, o desexo, o amor, a enfermidade ou o conflito. Tamén, a esperanza, a introspección e grandes doses de humor.
LOIS PÉREZ
Lois Pérez (Lugo, 1979) é mestre, contador de historias, poeta, escritor e guionista. No eido da dramaturxia, gañou en 2008 o Premio de Teatro Radiofónico da Radio Galega con «Saltimbanqui» (Xerais, 2008), dirixida e adaptada por Quico Cadaval. Como poeta, publicou «LP» (2013) e «Long Play» (Xerais, 2017), e gañou o Premio aRi[t]mar ao mellor poema editado en Galicia nese ano por «Blues do rei Bergman=B.B. King». Coordina a Sección de Literatura de Tradición Oral da AELG e, no eido do ensino público, traballou e promoveu diferentes proxectos de innovación na normalización lingüística do galego na escola, premiados todos eles por organismos oficiais e institucións diversas. Escribe de rock and roll e literatura no suplemento cultural «Táboa Redonda». «A gruta da torre» (Xerais, 2022) gañou o V Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade.
ENTRADA DE BALDE
