
O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza a presentación do libro O VIOLÍN QUE TRAE O VENTO, de ADRIÁN MÉNDEZ, coa actuación musical a cargo do grupo AS CEGAS DE OUSELLE.
O acto é posible grazas a financiación e patrocinio da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
O evento terá lugar o vindeiro venres 28 de novembro, ás 20:00 horas, na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba, xunto á exposición Retratos, de Pedro Cabarcos.
O violín que trae o vento– Esta obra relata a vida de Modesta Fernández, máis coñecida como “A cega de Noceda”, unha violinista da Fonsagrada que se converteu nunha artista inesquecible na música tradicional da zona. Este libro, financiado pola Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, conta coa colaboración de Xulia Feixoo e Begoña Riobó. Tamén ten unha parte musical na que colaboraron Pärbo, As Cegas de Ouselle, Caldo, Caamaño&Ameixeiras, Abril e Carmen&Marcos.
Adrián Méndez– Naceu en Bilbao en 1996 e máis tarde xa se mudou á Fonsagrada. Dende entón, a súa vida está fondamente vencellada á música, á cultura popular e á memoria oral. É músico -gaiteiro e zanfonista no grupo De Ninghures-, profesor de baile tradicional e investigador da cultura popular, campos que combina coa produción cultural e o ensino.
Leva anos traballando na divulgación e transmisión das nosas músicas e bailes tradicionais, tanto dende a aula como nos escenarios, festivais e obradoiros. Foi profesor de música en secundaria e de baile tradicional en diferentes vilas e centros culturais na provincia de Lugo, e imparte regularmente obradoiros e palestras sobre o patrimonio inmaterial galego.
As Cegas de Ouselle- Nace como un proxecto musical impulsado por Aldara Palmeiro (violín e voz), Miguel Lustres (acordeón e voz) e Antón Castro (zanfona e voz), quen recuperaron a música interpretada nos anos trinta do século pasado por un trío feminino coñecido como “As cegas de Ouselle”, que gozou de gran popularidade na provincia de Lugo. A través desta iniciativa, Palmeiro, Lustres e Castro recompilaron e devolveron á actualidade aquel repertorio tradicional das feiras de antes, integrado por romances, cantigas e pezas de baile.
Entrada de balde
