PRESENTACIÓN DO LIBRO “VERSOS REPUBLICANOS (E OUTROS POEMAS)”, de CARMIÑA PRIETO ROUCO. EDICIÓN E ESTUDO INTRODUTORIO DE MARIO PAZ GONZÁLEZ. SÁBADO 19-09, ÁS 20:00 H., NA SALA DO AUDITORIO DE VILALBA


O vindeiro sábado, 19 setembro, a sala de exposicións do Auditorio de Vilalba acollerá a presentación do libro de Carmiña Prieto Rouco Versos republicanos (e outros poemas), editado polo Instituto de Estudos Chairegos, co apoio da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo. No acto participarán Marisa Barreiro Mejuto, presidenta do Iescha, e Mario Paz González, autor da edición e do estudo introdutorio que acompaña os poemas. Ademais recitarán textos da autora as poetas Pilar Maseda, María Xosé Lamas e Emilia Martínez. Carlos Gómez Osa interpretará dous temas musicados por el sobre textos de Carmiña Prieto Rouco e Manuel María e pecharán o acto Rosana e Baruk Domínguez, que interpretarán dous poemas da autora musicados en 1930, na Habana, polo músico ourensán Xosé Fernández Vide. As dúas pezas foron estreadas no período republicano, tanto en Cuba como en Galicia, e teñen sido rescatados agora por Mario Paz González.

O libro recupera unha parte especialmente ignorada da obra de Carmiña Prieto Rouco, os poemas galegos que ela publicou en diferentes medios de Galicia e da emigración entre o 14 de abril de 1931 e o 18 de xullo de 1936. A eles engádense outras composicións en galego anteriores e posteriores, algunhas dos anos da guerra, practicamente descoñecidas. Estes textos permiten seguir a evolución, analizada por Mario Paz no estudo introdutorio, dos primeiros anos dunha poeta que, desde a conciencia galeguista adquirida nos anos de mocidade no ambiente das Irmandades da Fala, pasa polo agrarismo e o anticaciquismo chegando, nos anos da República a unha posición de compromiso explícito coa defensa do Estatuto de Autonomía. Preténdese así matizar e enriquecer o coñecemento dunha creadora que foi a primeira autora chairega en publicar un libro en galego e, entre os poetas chairegos da primeira metade do século XX, a que más libros publicou. Foi precursora do teatro en galego e do teatro escrito por mulleres e, nos anos anteriores á guerra, foi homenaxeada en Galicia, Cuba e na Arxentina. A súa obra, marcada pola tradición popular, o sentimento da terra e a preocupación social foi especialmente fecunda neses anos.

A publicación deste volume coincide ademais con dúas efemérides especialmente significativas: en 2026 cúmprense 125 anos do nacemento de Carmiña Prieto Rouco e 100 anos da publicación de Horas de frebe (1926), o seu primeiro poemario.

Carmiña Prieto Rouco (1901-1977) foi poeta, dramaturga e colaboradora habitual da prensa galega e da emigración. De formación autodidacta, desenvolveu desde moi nova unha intensa actividade literaria en boa parte esquecida, destacando pola súa poesía de raíz popular e intimista, presente en Horas de frebe (1926), así como polo seu compromiso social e político até os anos da República. Tendo publicado dous poemarios antes da guerra, tardaría máis de vinte anos en dar ao prelo o seguinte. Malia todo, o seu compromiso coa lingua galega mantívose ata o final.

Mario Paz González (1971) é doutor en Filoloxía Hispánica e catedrático de ensino medio en León, ademais de investigador e escritor. A súa actividade investigadora céntrase, principalmente, na didáctica da literatura, na poesía do século XX e na crítica literaria en revistas especializadas. Ten colaborado en edicións de textos coas fundacións Jorge Guillén e Díaz Caneja e, recentemente, ten publicado un estudo sobre a poesía para adultos de Helena Villar Janeiro. Tamén foi, con once anos, un dos fundadores do xornal A Voz de Vilalba.

Entrada de balde

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad