PRESENTACIÓN DOS LIBROS DE MERO IGLESIAS: “FORMAS, FIGURAS E SOMBRAS NA TERRA CHÁ”, E “CATÁLOGO DO CANTAR DE CEGO GALEGO. Volume 1: VOANDEIRAS”. VENRES 18/09/2026 – 20:00 H., CASA DA CULTURA DE VILALBA


O vindeiro venres, 18 setembro, ás 20:00 h., na Casa da Cultura de Vilalba, terá lugar a presentación dos libros de MERO IGLESIAS: Formas, figuras e sombras na Terra Chá, (editado por Xermolos e a Irmandade Manuel María), e Catálogo do cantar de cego galego. Volume 1: Voandeiras. Crónica e descrición de persoas, músicas e cantadelas, (editado por Companha Editora). O acto, organizado polo Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, contará, ademais de coa presenza do propio autor, Baldomero Iglesias Dobarrio “Mero”, coas intervencións na mesa de: Alfonso Blanco Torrado, Xosé Quintas Canella e Chema Felpeto. O apartado musical correrá a cargo de Miro Casabella. A presentación será de Marisa Barreiro, presidenta do Iescha. A entrada é de balde.

Formas, figuras e sombras na Terra Chá

Editado por Xermolos e a Irmandade Manuel María. O libro conta cun limiar de Alfonso Blanco no que se manifesta que a obra ‘é o froito dunha longa andadura entre o enseño de Indalecio de Bonxe e a Asociación Xermolos. Efectivamente, esta publicación continúa unha xeira previa da asociación guitiricense en relación cos oficios tradicionais -nomeadamente cos que contan con maior representación na chaira lucense: os cacharreiros de Bonxe e os canteiros de Gaioso son algúns exemplos. Con respecto á olería da parroquia de Outeiro de Rei, houbo xa varias accións de recoñecemento (por exemplo a que se lle dedicou no San Alberte de Parga en 1996, no marco dos Encontros da Terra Chá) e mesmo outra pequena publicación, neste caso un caderno centrado na figura de Indalecio Lombao, alfareiro que chegou a ser o último en activo na contorna, e pai de Pepita de Bonxe, quen lle deu relevo despois. Este libriño, como o autor recoñece, non é un estudo de referencia en relación coa artesanía do barro, se non que é unha memoria afectiva da relación que mantivo con Indalecio Lombao e a súa familia. Engade como achega de especial interese unha serie de códigos QR que permiten acceder a unha serie arquivos sonoros en relación recollidos por Mero Iglesias e depositados no APOI do Museo do Pobo Galego. (NósDiario)

Catálogo do Cantar de Cego Galego, Volume 1: Voandeiras

O cego errante percorreu camiños, feiras e romaxes levando un canto itinerante que facía vibrar auditorios improvisados. O eco do seu paso quedaba gravado en queixumes de violín, laios de zanfona e suspiros de acordeón. Figura arquetípica, evocada polo tempo cunha visión amábel e poética, representaba un modelo humano moi propio, convertido en referente estético e simbólico. Eran, en esencia, xograres modernos: persoas que vivían da música, malia estar sometidas a unha vida dura. Lograban converterse no centro expectante das feiras, declamando con voz quebrada relatos tráxicos e, logo, ofrecendo os papeis impresos que prolongaban esas historias arredor da lareira. O humor, a ironía e as picardías acompañaban romances, cantigas e relatos de crimes, nun oficio condicionado pola falta de vista pero asumido con orgullo, nunca como mendicidade, senón como traballo digno. A súa presenza contribuíu a manter viva a tradición oral, ese fío que nos conecta cos devanceiros e que atravesa xeracións como unha herdanza común. Hoxe esa transmisión vese ameazada pola irrupción de novos hábitos que alteran a convivencia. Por iso cómpre recoller, catalogar e difundir o patrimonio inmaterial que nos identifica. A voz que lembra os cegos cantores preséntase como custodia da memoria, erguida para preservar a identidade e construír anacos de eternidade.

Este primeiro volume do catálogo recolle ensaios e descrición sobre a figura das cegas e cegos cantores e unha proposta de catalogación dos xéneros rexistrados.

MERO IGLESIAS.- Nado en Vilalba (Lugo) en 1951, formouse como mestre e exerceu a docencia durante case corenta anos en escolas rurais de Lugo e A Coruña, ata a súa prexubilación en 2011.

A súa traxectoria está estreitamente ligada á música e á cultura tradicional galega. Foi membro fundador de Fuxan os Ventos e forma parte de A Quenlla, grupos cos que participou na gravación de máis de trinta discos. Durante décadas recolleu cantos, coplas, romances e outras manifestacións da tradición oral galega, contribuíndo á creación do Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI), cuxo fondo sonoro foi doado ao Museo do Pobo Galego.

Desenvolveu tamén unha ampla actividade como músico, compositor, escritor, investigador e divulgador da cultura galega, con numerosos artigos, libros, obras musicais e colaboracións teatrais e audiovisuais. Entre os seus traballos destacan os dedicados aos cantos e romances de cego, ao Nadal galego e á memoria histórica. A súa actividade cultural foi recoñecida con numerosos premios e distincións, entre eles o Pedrón de Ouro (2009), o Premio Galiza Mártir (2012) e o nomeamento como Mestre da Memoria (2016), ademais doutras distincións pola súa contribución á música, á poesía e ao patrimonio cultural galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Vindeiras actividades

Esta web emprega cookies propias para o seu correcto funcionamento. Ao premer o botón Aceptar, aceptas o uso destas tecnoloxías e o procesamento dos teus datos para estos propósitos.    Máis información
Privacidad