
Hai un cuarto de século nacía a nosa agrupación cultural, cun soño común: preservar, promover e celebrar a riqueza da lingua, a cultura e o patrimonio galego. Hoxe, 25 anos despois, seguimos firmes no compromiso que nos uniu dende o primeiro día.
Para conmemorar esta data tan especial, o IESCHA presentou nun recente acto, o novo logotipo do 25º aniversario, realizado polo deseñador vilalbés Xurxo Insua, unha imaxe que sintetiza o noso percorrido e a nosa esencia. Nel, a tradición e a modernidade danse a man: as formas evocan as raíces culturais que nos sosteñen, ou en palabras do propio autor: “O deseño ten como referente a linguaxe tipográfica do logo orixinal do Iescha, de inspiración sargadeliana, no que as letras do nome compoñíanse en anagrama nun bloque vertical. É unha proposta que prima a simplicidade e unha certa elegancia, mantendo a coherencia coa identidade do Instituto de Estudos Chairegos.”
Pola nosa parte, podemos engadir que cada trazo do logo é unha homenaxe aos centos de actividades que fomos tecendo ao longo destes 25 anos: concertos, conferencias, debates, cine, teatro, premios literarios, xornadas, publicacións, presentación de libros, rutas, certames de pintura, exposicións, conmemoracións, homenaxes … Todo iso, sempre co mesmo obxectivo: o apoio e a difusión da lingua e cultura galegas, e a posta en valor do noso patrimonio material e inmaterial.
Estes 25 anos son froito do esforzo colectivo, da colaboración de persoas comprometidas, entidades e institucións que creron na nosa visión. Grazas a todas elas, hoxe podemos celebrar un legado vivo e en constante crecemento.
O noso camiño continúa, con máis forza ca nunca, porque a cultura galega non é só herdanza: é tamén futuro.
XURXO INSUA (Vilalba, 1978). Fillo de Beatriz e de Morgan, neno da praza das mulleres e Trimaz. Estudou Belas Artes en Pontevedra, artes gráficas en València, tipografía en EINA e un pouco de antropoloxía na UAB. Traballou no Estudio Sebastián Alós (premio Laus de Comunicación Gráfica cunha peza para a Plataforma Nunca Máis), na Universidade de Barcelona e por libre para clientes coma o Institut de Cultura de Barcelona. Comisariou exposicións de arte contemporánea con Érika Goyarrola e impartiu formación en audiovisual para Numax. Actualmente é docente de bacharelato de Artes.

