O Instituto de Estudos Chairegos organiza o domingo 21 de xaneiro de 2024, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, a proxección do documental “JULIA”, de JACOBO LAGÜELA.
Sinopse
Este filme documenta a extinción e o abandono do rural como o coñecemos ao través dos ollos da súa protagonista. Realiza un percorrido pola vida de Julia e invita aos espectadores a unha viaxe lento entre pasado e presente; no que se pode apreciar o declive do campo español nos últimos 70 anos. Coa esperanza de que o relevo xeracional se cumpla, e de que os bisnetos collan as rendas para garantir un futuro digno para o rural, Julia reivindica o papel da muller, é memoria histórica e unha chamada de atención; se esquecemos de onde vimos, nunca saberemos a onde imos.
A miña avoa
Julia sempre foi autosuficiente. Na súa horta, podes atopar calquer tipo de vexetal e froita de tempada e da mellor calidade. No pasado tamén tiña vacas e outros animais pero a día de hoxe só queda un porco, algunhas galiñas e un par de conexos. Toda a familia axudaba nas labores de cultivo e recolección, pero agora a ninguén lle quedan xa nin tempo nin ganas. Ela é a única que se esforza por manter vivo un estilo de vida en vías de extinción e, a pesar de loitar para que as súas fillas tivesen as oportunidades que lle faltaron a ela, sente tristeza cando ve que o relevo xeracional non se vai a producir. Como casi todas as mulleres da súa xeración, a miña avoa non o tivo fácil: traballou fora e dentro da casa, criou 5 fillas e enfrentouse os ós retos dunha sociedade atravesada pola pobreza. Aínda así, conserva un brillo nos ollos capaz de iluminar a vida de todos os que a rodean. Julia é casa, é a loita dos labregos, é o grito do campo, é a esperanza de salvar as nosas raíces; pero sobre todo representa a universalización da avoa do rural.
Ficha técnica
DOCUMENTAL/ GALICIA / ESPAÑA / 2022 / 71m:00s / 5.1 / DCP 2K – Guión e Dirección JACOBO LAGÜELA Reparto JULIA BARRIO DIAZ Lugares de Rodaxe GALICIA (ESPAÑA) Produtora MATE ESTUDIO info@matestudio.es Distribuidora CITYBLUE FILMS fernandopazin@citybluefilms.com Tel: +34 617 650 444
Jacobo Lagüela é un realizador galego que emigrou con tan só 20 anos de idade. Primeiro a Brasil, onte tivo os seus primeiros contactos co mundo do cine; e posteriormente a Reino Unido, onde a súa paixón por contar historias se traduciu nun traballo de cámara e piloto de dron para importantes canles internacionales como a BBC, National Geographic ou Discovery; e posteriormente como Director e Productor en Off The Fence, productora gañadora dun Oscar ó mellor documental polo filme “Meu Mestre o Polvo”.
Lagüela usa o seu traballo pra voltar ás raíces – e como plataforma para dar voz ás realidades de persoas que tradicionalmente non están representadas nas grandes pantallas – a súa ambición é a de salvar e rexistrar en vídeo estilos e filosofías de vida que están a piques de desaparecer.
A ENTRADA SERÁ DE BALDE, PERO HABERÁ QUE REALIZAR A CORRESPONDENTE RESERVA BEN NA PÁXINA WEB DO CONCELLO, BEN NA CASA DA CULTURA OU O MESMO DÍA NO AUDITORIO.