O sábado 11 de febreiro de 2023, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, o Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), coa colaboración do Concello de Vilalba, proxecta o documental SANTOALLA, de Andrew Becker e Daniel Merher. Estará presente na proxección a produtora do documental, CRISTINA DE LA TORRE, quen explicará detalles do mesmo.
Produción
A actualidade imponse ó guión
Santoalla é un filme independiente realizado polos directores estadounidenses Andrew Becker e Daniel Mehrer. Xunto a eles estivo Cristina de la Torre, xornalista e produtora galega, formando un equipo pequeno e discreto, tal e como requería unha rodaxe que comezou tratando unha desaparición e que rematou sendo a crónica dun crime resolto practicamente ante as cámaras.
Foi rodado entre os anos 2013 e 2015 cun acceso directo ós protagonistas da historia e vivindo dende dentro as circunstancias que levaron ó esclarecemento do coñecido como o caso do holandés de Petín. Por iso, e aínda que contabamos con máis entrevistas para a documentación, na montaxe final tan so aparecen as dúas familias enfrentadas, os Rodríguez e os Verfordern.
O arquivo persoal de Martin e as súas aparicións en prensa, permiten amosar o deterioro progresivo na súa relación cos veciños. Esta documentación no relato, así como a atmósfera que retrata do rural galego, motivou que o fiscal solicitara o documental para incorporalo ó xuízo polo crime de Santoalla.
SIPNOSE
Unha historia real rodada en Galicia
Margo e Martin Verfordern deixaron Ámsterdam para buscar un paraíso onde vivir na natureza e construir o seu futuro. Tras viaxar durante anos por Europa, chegan a Santoalla, unha aldea aillada en Petín de Valdeorras e onde vive soa a familia dos Rodríguez. A parella de holandeses deciden que alí estaría o seu fogar. A convivencia cos veciños, que comezara ben, logo tornou conflitiva co monte comunal no epicentro das súas diferencias. No 2010 Martin desaparece e durante anos, Margo mantén viva a busca convencida de que seu home non marchara por vontade propia e que os seus veciños son responsables do destino de Martin. Un achádego casual traerá as respostas que buscaba.
SANTOALLA
EEUU, 2016
What Delicate Pictures LTD
Dirección: Andrew Becker e Daniel Merher
Produción: Cristina de la Torre
VO Inglés e galego / Subtítulos en castelán
80 minutos
A ENTRADA SERÁ DE BALDE, PERO HABERÁ QUE REALIZAR A CORRESPONDENTE RESERVA BEN NA PÁXINA WEB DO CONCELLO BEN DIRECTAMENTE NO AUDITORIO MUNICIPAL O MESMO DÍA DA PROXECCIÓN.